Ingresado en Psiquiatría un mozo que esnaquizou a farmacia de Ribadumia e pegou a gardas civís
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Cambados detivo na tarde do mércores 13 de febreiro un veciño de Sanxenxo de 29 anos como presunto autor dun delito de danos e outro de atentado a axente da autoridade por esnaquizar a farmacia de Ribadumia e agredir aos gardas civís que tentaban reducilo e detelo no propio lugar dos feitos. Debido á elevada agresividade que presentaba, tivo que ser ingresado na área de Psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedra, onde permanece este xoves.
Os feitos producíronse ao fío do mediodía do mércores. Segundo trascendeu, o mozo entrou na farmacia logo dunha discusión no exterior cunha persoa da súa familia. Unha vez dentro, quixo mercar un medicamente, pero os responsables do establecemento non puideron darllas, de maneira que se puxo agresivo e comezou a esnaquizar o interior do local. Nese momento foi alertada a Garda Civil de Cambados.
Segundo indicaron fontes da investigación, o mozo "estaba fora de si" e veu nos axentes que acudiron á farmacia ao ter coñecemento de que alí se estaba a producir un incidente entre unha especie de inimigos. De tal maneira, comezou a arremeter contra eles, agrediunos e resultou complicado reducilo e detido.
Nun primeiro momento foi traladado a un centro médico, pero a continuación tivo que ser trasladado ao Hospital Provincial. No incidente tamén puido resultar ferido un cliente do local, ademais dos axentes da Garda Civil, se ben esta circunstancia non puido ser totalmente confirmada.