Sanxenxo, concello de Galicia con máis certificacións de calidade turística
Por Redacción
Un total de 80 firmas e lugares de Sanxenxo foron recoñecidos coa certifación de calidade turística que promove Turespaña, 12 deles por primeira vez, convertendo ao concello no que máis distintivos deste tipo logrou en Galicia.
Organismos como o Servizo Local de Emerxencias, a Oficina de Turismo, o Porto Deportivo Juan Carlos I, Turismo de Sanxenxo ou as praias de Silgar, Baltar e Canelas forman parte desta relación incluída no Sistema Integral de Calidade Turística En Destinos (SICTED), un motivo de orgullo para a concelleira responsable, Almudena Aguín, "hoxe máis que nunca hai que competir en calidade. Para un municipio como Sanxenxo estar á cabeza na Comunidade é fundamental porque supón un recoñecemento importante á nosa marca e ao noso traballo". Aguín resaltou ademais o compromiso do sector privado na aposta pola calidade.
A mediados do mes de marzo terá lugar o acto oficial de entrega de diplomas e placas aos distinguidos nesta convocatoria do SICTED, un evento que conterá á súa vez un foro de debate sobre calidade turística no que participarán expertos nesta materia.
Ademais deste recoñecemento seis empresas locais conseguiu revalidar a Q de calidade, mentres outras catro a recibiron por primeira vez.