Rajoy 'reconcíliase' con Pontevedra e goza dun paseo tranquilo pola cidade
"Ya he recuperado las gafas después de la última vez". Con esa broma, xusto o día no que se cumprían seis meses da agresión sufrida en Pontevedra, Mariano Rajoy arrincou unha gran ovación nas máis de cincocentas persoas que enchían o patio de butacas do Teatro Principal, o lugar elixido polos populares para pechar o seu sétimo día de campaña electoral.
Alí chegou tras 'reconciliarse' coa súa cidade. Fíxoo cun novo paseo por Pontevedra, esta vez, un percorrido tranquilo e sen incidentes nos que o presidente do Goberno en funcións estivo arroupado por numerosos militantes, simpatizantes e cargos do partido. E si, un gran número de medios de comunicación e de persoal de seguridade atentos a cada detalle.
Un Rajoy riseiro, escoltado en todo momento por Alberto Núñez Feijóo, Alfonso Rueda e Ana Pastor, comezou este paseo na sede provincial do PP onde foi recibido entre berros de "presidente, presidente" e un sonoro "arriba España".
Tras reunirse brevemente cos alcaldes do PP na provincia, Mariano Rajoy -que escolleu para Pontevedra un estilo informal con chaqueta azul e camisa branca sen gravata- percorreu a pé o camiño ata o Teatro Principal, saudando ao seu paso a numerosos pontevedreses que quixeron achegarse a el para mostrarlle o seu apoio de cara o 26-X.
O líder do PP tamén tomou a iniciativa en varios momentos charlou de forma distendida con comerciantes e veciños de Rosalía de Castro, a praza de San José, Oliva, a praza da Peregrina ou Michelena, rúas que percorreu ata a súa chegada ao mitin. Antes, do mesmo xeito que Pedro Sánchez pola mañá, comprou un billete da lotería en beneficio de Cruz Vermella.
Polo camiño, numerosas mostras de afecto e algúns selfies, sobre todo con nenos. O único momento de certa tensión viviuse ás portas do Principal, onde os simpatizantes do PP tiveron que empregarse a fondo para acalar con aplausos as protestas dunha decena de persoas contra a prórroga a Ence ou o proceso de fusión entre Cerdedo e Cotobade.
Tras este paseo e antes de intervir no mitin de Pontevedra, o propio Rajoy quixo expresar a través da súa conta de Twitter as súas sensacións tras este paseo pola cidade.
Gracias a todos los vecinos, llevo su cariño en el corazón. #Pontevedra es mi casa #Afavor https://t.co/5whqBKLuBR
— Mariano Rajoy Brey (@marianorajoy) 16 de junio de 2016
Pero o verdadeiro acto de desagravio, unha mostra de agarimo dos populares ao presidente do Goberno en funcións, viviuse no interior do Teatro Principal, o mesmo escenario no que meses atrás foi nomeado persoa non grata en Pontevedra pola corporación municipal.
Nel, Rajoy asegurou estar "en forma" para seguir levando o "timón" do goberno, ao estar apoiado polo "mayor partido" do país, unha formación que "no es una pandilla ni un grupo de advenedizos". Ademais, advertiu dun posible apoio de Cidadáns a unha posible coalición de PSOE e Podemos, ante o cal reiterou que estes partidos deben deixarlle gobernar en minoría se, como auguran as enquisas, volve gañar.
O resto de dirixentes tomaron a palabra para encomiar a figura de Rajoy e destacar, sobre todo, a súa orixe pontevedresa.
"Pontevedra es la ciudad en la que todos sentimos que eres uno de los nuestros. Verás cómo eres grato de verdad, porque volveremos a votar para decirle a todos que queremos a Rajoy de presidente", sinalou o presidente provincial do partido, Alfonso Rueda.
A el uniuse Ana Pastor, que destacou "el bagaje y el aval" de Rajoy fronte ao "teatrillo" de Sánchez, Iglesias e Rivera, máis centrados en "la propaganda, la demagogia y el mercadeo"; e un Núñez Feijóo que presentou a Rajoy como un "señor de Pontevedra" respectuoso, moderado, responsable e humilde e identificouno, ademais, como unha "garantía" para Galicia e para España.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez anuncia en Madrid a súa primeira medida se chega a alcalde: retirar o 'non grato' a Rajoy
Por Redacción |
-
O día no que Rajoy foi 'non grato' en Pontevedra
Por Redacción |
-
Ana Pastor, nova presidenta do Congreso dos Deputados
Por Alejandro Espiño |
-
Rajoy propón a Ana Pastor como presidenta do Congreso dos Deputados
Por Alejandro Espiño |
-
A xornada de reflexión en Pontevedra, en imaxes
Por Alejandro Espiño |
-
Baño de masas en Pontevedra dun Pedro Sánchez que improvisa un mitin en plena rúa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rajoy, Sánchez, Iglesias, Rivera e Garzón, canto pagas pola única camiseta asinada por todos eles?
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rajoy e Sánchez coincidirán en Pontevedra o xoves 16 de xuño
Por Oskar Viéitez |