Pontevedra asegura que non hai "conflito nin enfrontamento" con Poio polo deslinde entre ambos concellos
Por Alejandro Espiño
"Non hai conflito nin enfrontamento ningún entre ambos concellos". ÿ o que asegura o concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima, en relación ao asunto do deslinde entre Pontevedra e Poio. Díxoo ao finalizar a comisión celebrada no Concello de Pontevedra, na que se acordou achegar toda a documentación posible sobre esta cuestión que pivota sobre dous deslindes: o de 1889 e o de 1938.
Vicente García Legísima fixo unha breve explicación das discrepancias históricas entre as corporacións de Pontevedra e as de Poio, que nace no ano 1938 cando se fixa un deslinde distinto ao establecido no ano 1889. No ano 38 convócase unha comisión de deslinde a que só asiste Pontevedra, e acórdase, conforme a dereito, un novo linde entre os concellos.
A vida entre os dous concellos discorre normalmente até que no ano 1984 Poio reclama un deslinde distinto, mentres que as sucesivas Corporacións Municipais de Pontevedra defenden os lindes de 1938. Cando Pontevedra aproba o Plan de Ordenación Municipal de 1989, o Concello de Pontevedra recorre a parte en relación ao deslinde, e o TSXG acorda suspender o Plan neste punto, que afecta a zona de Bombeiros, o antigo Parques e Talleres do Exército, a fábrica de Ladrillo, parte da avenida de Domingo Fontán até a Ponte das Correntes.
Nas sucesivas reclamacións xurídicas e administrativas, Poio solicita á Xunta que inicie o deslinde seguindo a normativa. Ante o silencio administrativo do Goberno autonómico, o Concello de Poio solicítao ante o TSXG no ano 1995, que insta á Xunta a que inicie o deslinde. Ao non admitir o Tribunal Supremo o recurso do Concello de Pontevedra que defendía os lindes de 1938, a situación queda parada durante anos, até que alguén no concello de Poio solicita a execución da sentenza do TSXG.
Consecuentemente, o Concello de Pontevedra aproba en pleno por unanimidade dos grupos a creación da comisión de deslinde arriba citada "que é a que ten a obriga legal de decidir sobre este deslinde, e non poden ser expertos de fóra quen o fagan, só poderían asesorar", explicou o concelleiro de Patrimonio. Poio deu pasos similares e ambos concellos acordaron xuntarse o 21 de marzo para abordar as discrepancias de ambos concellos en relación a este deslinde.
De aí que o concelleiro de Patrimonio insistise en que "non existe conflito ningún entre o Concello de Pontevedra e o de Poio, soamente discrepancias de carácter administrativo e cunha grande historia detrás sobre o deslinde entre ambos concellos", que estaría ceñido á areeira, ao cuartel da Garda Civil, ao parque de Bombeiros e ata a ponte das Correntes. "Para Poio tamén é un problema, porque tería que facerse cargo dos gastos de todas estas infraestruturas e, quen sabe, igual devolver a Pontevedra os cartos investidos na construción da ponte".
Vicente García Legísima dixo que o Concello de Pontevedra está disposto a abordar esta cuestión con total tranquilidade como require este asunto para chegar ao acordo que mellor conveña a ambos concellos e aos cidadáns de Pontevedra e de Poio que "dende sempre mantiveron unha convivencia cordial".
Relacionadas:
-
Poio propón que a Ponte das Correntes se tome como linde con Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra e Poio non se poñen de acordo no deslinde e será a Xunta quen decida
Por Alejandro Espiño |
-
Pendentes dun informe técnico para pechar os deslindes co Concello de Poio
Por Redacción |
-
O PP propón deixar en mans de expertos o deslinde entre Pontevedra e Poio
Por Redacción |