Conceden o indulto parcial a un condenado pola Audiencia de Pontevedra en 2009 por tráfico de drogas
Por Natalia Puga
O Consello de Ministros concedeu un indulto parcial a Juan José Fandiño Campos, condenado pola Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra por un delito de tráfico de drogas por distribuír estupefacientes nas bisbarras de Umia e O Deza nos anos 2006 e 2007.
Segundo a resolución adoptada polo Goberno, o home, que foi condenado a tres anos de prisión e 1.960 euros de multa, verá conmutada a pena privativa de liberdade imposta por outra de dous anos de prisión, a condición de que non volva cometer delito doloso no prazo de tres anos dende a publicación do Real Decreto dado a coñecer no Boletín Oficial do Estado (BOE) deste martes.
A decisión que afecta a Juan José Fandiño Campos adoptouse no Consello de Ministros do 25 de xaneiro de 2013 e modifica unha sentenza que se remonta a decembro de 2009. O home foi condenado xunto a outras dúas persoas. O acusado Manuel Pego Correa tamén foi condenado a tres anos de prisión e Elsi Paz, ex noiva do agora indultado, a un ano e nove meses.
O tribunal considerou probado que os tres se dedicaban á venda de pequenas cantidades de cocaína distintas localidades como Caldas de Reis, Cuntis, Silleda ou A Estrada. Segundo consta na acusación, os acusados compraban a droga na Estrada e Cuntis e logo vendíana a consumidores habituais.