A peaxe Pontevedra-Vigo será de balde no tramo de regreso dende medianoite
Por Natalia Puga
Os condutores que circulen polo tramo da AP-9 entre Pontevedra e Vigo a partir das 00.01 horas deste mércores poderán ter gratis a viaxe de volta. Tanto os que fagan o percorrido completo coma os que tan só opten por Pontevedra-O Morrazo, Pontevedra-Vilaboa ou Rande-Vigo.
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica na súa edición deste martes 12 de febreiro o Real Decreto polo que se aproba a gratuidade da peaxe en cuestión para as viaxes de regreso en días laborais para os usuarios con dispositivo de telepeaxe. Tal e como establece o propio documento, a partir do día seguinte, isto é, dende a media noite deste mércores, entrará en vigor.
O beneficio é posible grazas a un convenio subscrito entre o Ministerio de Fomento e Autoestradas do Atlántico (Audasa), empresa concesionaria da construción, conservación e explotación da autoestrada do Atlántico AP-9.
A tarifa actual da peaxe é de 3,55 euros Pontevedra-Vigo, de 2,55 Pontevedra-Morrazo, de dous euros Pontevedra-Vilaboa e de 1,70 Rande-Vigo. Se o condutor ten dispositivo de telepeaxe, vai en vehículo lixeiro e fai a viaxe ida e volta, pagará a metade.
Segundo recolle o texto do convenio publicado no BOE deste martes, o Ministerio de Fomento pon en marcha este convenio "en prol do interese público, para a actual mellora do tráfico no tramo comprendido entre as cidades de Pontevedra e Vigo, por ser o de maior intensidade, e da funcionalidade da autoestrada". "Considerou conveniente acordar con Audasa a aplicación inmediata de medidas de bonificación por habitualidade aos vehículos lixeiros que aboen a peaxe mediante o sistema de peaxe dinámica ou telepeaxe e que cumpran determinadas condicións, e os termos para satisfacer os intereses da sociedade concesionaria pola modificación no seu réxime de ingresos de peaxe", indica.
En virtude do Real Decreto publicado, "Audasa aplicará nos percorridos Pontevedra-Vigo e viceversa, Pontevedra-Morrazo e viceversa, Pontevedra-Vilaboa e viceversa e Rande-Vigo e viceversa, unha bonificación nas peaxes a todos os usuarios da Autoestrada AP-9 sempre que sexa ou sexan realizados con vehículo lixeiro e no mesmo día hábil e se utilice como sistema de pagamento da peaxe o medio técnico axeitado e operativo para circular polas vías de peaxe dinámica ou telepeaxe".
Terá dereito todo usuario que nun mesmo vehículo lixeiro realice o mesmo ou mesmos percorridos de ida e volta nos tramos relatados dentro de día natural hábil. Serán considerados hábiles todos os días do ano a excepción dos domingos e festivos de ámbito nacional ou no territorio de Galicia. O usuario haberá de utilizar como sistema de pagamento da peaxe o medio técnico axeitado e operativo para circular polas vías de peaxe dinámica ou telepeaxe.