Medio Ambiente incluirá os Meandros do Lérez no Catálogo das Paisaxes
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente aprobou a inclusión dos Meandros do Lérez no Catálogo das Paisaxes de Galicia tras aceptar a alegación formulada hai case dous meses polo Concello de Cotobade, que consideraba que este gran espazo debe estar incluído neste documento para a súa protección, xestión e ordenación.
O Instituto de Estudos do Territorio, que foi o encargado de analizar as alegacións presentadas seguindo as directrices do departamento autonómico, aceptou a inclusión dos Meandros do Lérez agás os muíños e sete exemplares de plátanos. Todos os demais espazos foron integrados no Catálogo das Paisaxes como Lugares de Especial Interese Paisaxístico (LEIP's) e incluso algúns deles deron lugar á creación dunha nova área de interese paisaxístico, denominada San Xusto-Río Lérez e que se conforma na contorna do vello balneario.
Os Meandros do Lérez conteñen diversos Bens de Interese Cultural (BIC), numerosas áreas de gran importancia natural, trece castros e a maior concentración de gravados rupestres prehistóricos do noroeste peninsular. De xeito desglosado, nesta contorna, que vai ser protexida e potenciada, existen unha minicentral, dúas fontes, unha ponte vella, dúas calzadas empedradas, catro petroglifos catalogados como BIC, os recoñecidos castros da Cividá e de Barbeitos, a ermida e a carballeira de San Xusto, o Centro de Interpretación Rupestre de Campo Lameiro, cinco casonas e pazos de arquitectura tradicional galega, catro espazos de gran valor natural e medioambiental, mananciais de augas mineromedicinais e establecementos de turismo rural.
O Concello de Cotobade estima que a zona ten un gran potencial pola súa riqueza patrimonial, vexetación autóctona, a presenza de augas mineromedicinais, roteiros de sendeirismo e miradoiros.
Sobre a nova área San Xusto-Río Lérez, o Concello xa traballa na primeira iniciativa de protección e impulso, centrada na recuperación patrimonial, etnográfica e paisaxística dos Baños de San Xusto de Cotobade. Cabe sinalar que no ano 1915 construíuse un balneario que chegou a contar con doce bañeiras de augas sulfuro-fluoradas que nacen entre unhas rochas do Lérez. Estas augas foron e son recomendadas polos médicos para diferentes doenzas, especialmente as cutáneas e as do aparato dixestivo.
Precisamente por iso, preténdense analizar todas as posibilidades dun espazo con gran valor natural que tivo un importante tirón turístico a finais do século XIX e principios do XX e do que agora se aspira a súa paseniña recuperación.
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, agradeceu a aceptación da alegación por parte de Medio Ambiente e destacou a súa "sensibilidade" para incluír no Catálogo das Paisaxes "un espazo de gran valor que tiña todos os merecementos para integrarse neste documento". Ademais, valorou esta decisión como "unha gran oportunidade" para esta gran contorna natural de Cotobade, "xa que poderá beneficiarse de medios de protección e accións de impulso turístico, que son as que desexamos para atraer cada vez máis xente ao noso municipio".