Os composteiros comunitarios xa están aquí: comezan as obras para instalar os tres primeiros en Monte Porreiro
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra comezou este xoves as obras necesarias para instalar os primeiros composteiros comunitarios do municipio. Serán 15 módulos que se instalarán para formar tres puntos de compostaxe comunitaria no barrio de Monte Porreiro, na praza de Europa e nas rúas Alemaña e Italia, e está previsto que entre a semana que vén e a seguinte estea xa todo preparado para a súa entrada en servizo.
A concelleira Carme da Silva, alcaldesa en funcións estes días, anunciou este xoves que xa se iniciou a obra civil. A Deputación de Pontevedra aporta os composteiros en si dentro do seu programa provincial Revitaliza, pero o Concello ten que realizar as actuacións necesarias para preparar a zona antes da súa instalación. Iso foi o que comezou unha vez que a institución provincial lles anunciou que xa estaban a punto de recibir os primeiros composteiros.
A obra civil necesaria para a posta en funcionamento dos composteiros nesta experiencia piloto terá unha segunda fase coa execución de obras en Campañó, onde se porá en marcha un punto de compostaxe comunitario de cinco módulos nunha zona de centralidade parroquial, no entorno do cemiterio. Esa obra executarase en canto remate a de Monte Porreiro e entre as dúas terán un orzamento total de 15.000 euros. Os composteiros, pola súa parte, pagaraos a Deputación e non o Concello.
A experiencia piloto do programa de compostaxe municipal realizarase en Monte Porreiro e Campaño e tamén, a petición dos veciños, no barrio de Campolongo. En total, o orzamento previsto do Concello é de 130.000 euros e contase con que todo esté preparado para despois do verán.
No caso de Monte Porreiro, haberá 204 módulos distribuidos en 33 puntos de compostaxe comunitarios, pero neste momento só se instalan estes tres primeiros puntos. Está previsto que a súa entrada en servizo sexa cuestión de semanas, de tal modo que entre a próxima semana ou a seguinte un mestre composteiro da Deputación Provincial realice tarefas de formación e información aos veciños do barrio sobre o sistema de compostaxe comunitario.
Ao respecto, Carme da Silva recordou que a participación veciñal é fundamental para o éxito desta iniciativa e agradeceu o esforzo importante que está a facer a asociación de veciños e outros colectivos e persoas do barrio de Monte Porreiro, pois xa se contactou con establecementos e vivendas para que se adheriran á experiencia piloto e, unha vez que estea despregado o proxecto en todo o barrio, farase máis contacto con toda a veciñanza. Agradeceu tamén a actuación pro activa dos veciños de Campolongo, que se ofreceron para acoller o sistema.
Relacionadas:
-
Monte Porreiro empeza a 'compostar'
Por Redacción |
-
Xuntanza en Monte Porreiro polos composteiros comunitarios
Por Redacción |
-
Os barrios de Campolongo e Monte Porreiro empezarán coa compostaxe comunitaria á volta do verán
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños de Campolongo piden ao Concello sumarse á experiencia piloto de composteiros comunitarios
Por Redacción |
-
Os composteiros individuais buscarán acubillo en 7.800 vivendas unifamiliares
Por Redacción |