Paraugas de Senegal baixo a chuvia pontevedresa
Por Anxo Lourido
Caen unhas pingas de chuvia. Aparece Abdou cargado cunha bolsa con máis dunha ducia de paraugas. Abdou é un mozo senegalés que, xunto a un grupo de homes de procedencia africana, dedícanse os días de chuvia a ofrecer paraugas aos viandantes polo centro de Pontevedra.
- ¿A cuánto los vendéis?, pregunta unha señora cando pasa a súa altura.
- A 6 euros.
- A 6 euros, ¡¡¡qué caros!!!... e a muller marcha asegurando que por ese prezo lle compensa mercalo nun establecemento.
Abdou queixase. Di que eles teñen que pagar 4 euros por cada un dos paraugas e se os venden por menos de 6 euros non obteñen beneficio. Mesmo así, as veces si aceptan regateos e hai clientes que se levan a súa protección para a chuvia por cinco euros. "Nos da para tomar un café, algo caliente", di o mozo.
Abdou é dos poucos que acceden a falar coa prensa. Os seus compañeiros tentan buscar excusas, alegan que están traballando e que non dominan ben a lingua para poder expresarse nunha entrevista. Abdou afirma que todos teñen medo e recoñecce que se ven obrigados a recoller a toda présa os paraugas e botar a correr cada vez que aparece a policía. Sabe que o seu sistema de venda ambulante é ilegal. Ata o punto de que o vendedor recoñece que os axentes xa teñen ameazado a algúns dos seus compañeiros con multas. "A nosotros esta venta no nos da. Esto lo hacemos para sobrevivir. Vendemos muy poco. Y no hacemos nada malo. No es droga. Solo son paraguas" afirma moi serio.
No seu caso, leva catro anos en Galicia, antes traballaba na construción pero "ya no tenemos trabajo y no queremos robar". Afirma que comparten vivenda por grupos. "Algunos vivimos cuatro o cinco juntos en un piso". E laméntase: "no encontramos trabajo en ningún sitio". Por iso pasan os días así, agochados nos portais, soportando o frío e tentando pasar desapercibidos ante a presenza da policía, sempre cargados co seu lote de paraugas de cores envoltos nun plástico transparente. "La gente nos trata bien. Cuando deje de llover, venderemos otras cosas. Pero es mejor que llueva", asegura Abdou. Baixa a carapucha e abéirase baixo o couzón da entrada dun establecemento comercial que leva semanas pechado. Alí vai permanecer ata que alguén o invite a vender noutra parte.