O PP propón deixar en mans de expertos o deslinde entre Pontevedra e Poio
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular considera que debe ser unha comisión de expertos a encargada de fixar os lindes entre Pontevedra e Poio, e facilitar deste xeito a resolución do conflito que enfronta ás dúas administracións locais.
O concelleiro Ricardo Aguilar realizará unha proposta neste sentido este martes na reunión polo deslinde convocada entre os dous concellos para chegar a un acordo. O Partido Popular entende que "una decisión destas características e importancia" debería contar con especialistas e historiadores independentes, e non unicamente coa opinión dos representantes políticos.
O conflito remóntase ao ano 1991 cando o Concello de Poio solicitou a apertura dun expediente de deslinde partindo da acta de 1889, pretensión á que se opuxo o Concello de Pontevedra alegando que os lindes atopábanse perfectamente delimitados. Catro anos despois o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou a iniciativa de Poio sobre a necesidade de volver a definir os límites, e posteriormente, en xullo de 2002, o Supremo rexeitou o recurso interposto polo Concello da capital provincial contra aquela sentenza do TSXG. En consecuencia, a finais dese ano a Xunta de Galicia comunicou aos gobernos dos dous municipios as actuacións que debían realizar para poder tramitar o deslinde. En xuño de 2011 envióuselles un novo escrito para requirirlles a documentación necesaria para continuar coa tramitación.
E finalmente, o goberno autonómico ordenou a conformación dunha comisión de negociación con presenza de todos os grupos políticos co obxecto de aclarar o conflito, é dicir, o dominio territorial sobre o solo onde se asentan o parque de Bombeiros, o cuartel da Guardia Civil, o enlace da AP-9 e a tamén parte da rúa de Domingo Fontán, preto da Ponte das Correntes, que pasarían a ser territorio de Poio segundo os límites fixados a finais do século XIX.
O PP cre que os intereses políticos pola situación estratéxica dos terreos deberían quedar á marxe neste asunto e ser os especialistas os que marcasen os lindes para chegar ao acordo máis xusto para todos.
O voceiro do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, entende, non obstante, que o goberno de Fernández Lores actuou neste asunto "con excesiva lentitude, o que obriga agora a tentar resolver o conflito con máis urxencia da debida".
Relacionadas:
-
Poio propón que a Ponte das Correntes se tome como linde con Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pendentes dun informe técnico para pechar os deslindes co Concello de Poio
Por Redacción |
-
Pontevedra asegura que non hai "conflito nin enfrontamento" con Poio polo deslinde entre ambos concellos
Por Alejandro Espiño |