O 90% dos afectados pola ampliación da estrada Ponte Caldelas-Cotobade, dispostos á cesión gratuíta dos terreos
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o concelleiro de AVP, Alfonso Gutiérrez, mantiveron esta semana unha reunión cos veciños afectados polas obras de ampliación da PO-234 (a estrada autonómica que une Ponte Caldelas con Cotobade) e, como conclusión, aseguran que máis do 90% están dispostos á cesión gratuíta dos terreos.
A xuntanza celebrouse na tarde do sábado na Casa do Concello coa asistencia de preto de 150 veciños. Foi convocada pola Alcaldía só unha semana despois de que os plenos de Cotobade e Ponte Caldelas aprobaran, por unanimidade, reclamar da Xunta de Galicia a execución urxente desta obra, incluíndo, ademais, a sinatura dun convenio no que se expresen compromisos concretos.
O vial forma parte da rede autonómica de estradas, pero a Xunta pediu aos concellos que mediasen para a cesión gratuíta das fincas necesarias. Avanzando nesa vía, convocouse a xuntanza e, como conclusión, Andrés Díaz está moi satisfeito da resposta dos veciños de Laxoso, que se corresponde coa sensibilidade transmitida ao Concello para traballar a prol da mellora dunha estrada moi perigosa.
A xuntanza serviu tamén para depurar a listaxe de afectados, pois unha parte das fincas foron vendidas nos últimos anos, herdadas ou simplemente a súa titularidade non está debidamente actualizada no Catastro. A relación, cos datos corrixidos, vai ser remitida á Xunta de Galicia para que proceda a citar aos afectados de cara á sinatura das actas de cesión previa.
"Agora toca que a Xunta demostre o seu compromiso rematando eses trámites e reservando o crédito necesario para a execución da obra", explicou o alcalde. E engadiu que os afectados unicamente pedirán que se repoñan os muros e/ou peches que sexa preciso derrubar pola ampliación da estrada, como é habitual.
O alcalde xa informou destes avances á plataforma veciñal. Agora entende que urxe unha xuntanza entre administracións para avanzar no convenio administrativo no que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e os concellos de Ponte Caldelas e Cotobade plasmen por escrito os compromisos cun calendario de execución.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas sairá á rúa ante a "cacicada" da PO-234 entre a Xunta e Cotobade
Por Redacción |
-
O alcalde de Ponte Caldelas, en pé de guerra ante a Xunta pola estrada de Laxoso
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Unanimidade en Ponte Caldelas para solicitar á Xunta o arranxo da estrada Laxoso-Augasantas
Por Redacción |
-
Afectados pola PO-234 inician un diálogo "franco e aberto" cos alcaldes de Cotobade e Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A plataforma de afectados pola PO-234 esixe que a estrada se reforme "dunha tacada"
Por Redacción |