Tonucci: "Hai que pensar a mobilidade doutra maneira e niso en Pontevedra son os mestres"
Por Redacción
O modelo urbano de Pontevedra estivo moi presente este xoves no seminario de Cidades d@s nen@s celebrado en Granada. Ao encontro acudiron representantes da Deputación de Pontevedra e dos concellos de Tomiño, Catoira, Cambados, Silleda, Redondela, Ponteareas, Lalín, Salceda, Arbo, Vilaboa e Pontevedra e todos eles expuxeron a súa aposta pola filosofía de Francesco Tonucci á hora de deseñar as súas vilas.
O psicopedagogo italiano, pola súa parte, tamén recoñeceu o traballo realizado na cidade de Pontevedra ao asegurar que "hai que pensar a mobilidade doutra maneira e niso en Pontevedra son os mestres".
O seminario organízase no marco da exposición 'Imaxinar a educación. 50 anos con Frato' e abordou as características, ideas, valores e iniciativas que os concellos deben asumir para sumarse á Rede Internacional a través das experiencias de 40 concellos e entidades de toda España. Durante o encontro, segundo informa a Deputación, plantexouse a posibilidade de que Pontevedra sexa a cidade que acolla o próximo seminario da rede internacional.
No encontro, Tonucci falou de Pontevedra como a "referencia fundamental" para aplicar os criterios das 'Cidades d@s nen@s' e o vicepresidente provincial, César Mosquera, que participou como representante tanto da Deputación como do Concello de Pontevedra, manifestou que é fundamental a formación dos funcionarios para poder deseñar cidades á medida das crianzas.
Mosquera tamén subliñou que tras anos de experiencias e conclusións en Pontevedra, a actuación no espazo urbano "ou é unha prioridade e se aplica con decisión firme por parte dos gobernantes ou é difícil cambiar a dinámica". Sostén que construír unha 'Cidade d@s nen@s' debe facerse de xeito transversal, pero empezando pola área de urbanismo e obras, xa que é un dos departamentos con maiores competencias dos concellos.
Segundo informa a Deputación a través dun comunicado, o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, falou en nome dos municipios pontevedreses e destacou que dende a institución provincial "queremos dar un xiro de 180 grados ás políticas iniciando unha estratexia de mobilidade sostible que ten como destinatarias ás persoas". Para camiñar nesa vía, a primeira liña de traballo céntrase nas estradas provinciais, creando espazos de seguridade destinados ás persoas nos núcleos rurais de poboación, e a segunda traballa máis na expansión do 'modelo Pontevedra'.
Ao respecto, Benítez indicou que a Deputación ten a filosofía de que "hai que traballar para que tamén se poida aplicar a filosofía Tonucci tamén nos pequenos concellos do rural". Segundo indicou, dende o mes de xaneiro, cando a Deputación organizou o primeiro encontro para potenciar unha provincia 'amiga d@s nen@s', xa se teñen adherido formalmente á rede 17 concellos pontevedreses, que a partir de agora irán aplicando actuacións concretas.
Relacionadas:
-
O Pazo da Cultura acollerá a exposición 'Imaxinar a educación. 50 anos con Frato'
Por Oskar Viéitez |
-
Tonucci: "Os nenos son peóns e nada máis. Se a cidade non é axeitada para os peóns, resultan excluídos"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Concello "redefinirá" o proxecto dos Camiños Escolares
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello recibe a Tonucci á fronte dunha delegación italiana
Por Redacción |
-
A rexión chinesa que inspirou "Avatar" quere irmandarse con Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Lores convértese nun "heroe" para os alcaldes de Corea do Sur
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez |
-
Alcaldes da provincia acuden ao encontro de Tonucci, o gurú da 'cidade dos nenos'
Por Oskar Viéitez |
-
Badajoz, Louvain, Burgos, Granada e Narón, novas citas do modelo de cidade
Por Redacción |
-
A Deputación asumirá o papel de ser o referente das cidades amigas dos nenos
Por Mónica Patxot |
-
Unha provincia 'amiga dos nenos', proposta de César Mosquera aos alcaldes
Por Redacción |
-
Tonucci quere que a filosofía de cidade amiga dos nenos se estenda de Pontevedra a toda a provincia
Por Redacción |