O venres iniciaranse os traballos na estrada da Lanzada que quedarán rematados na vindeira semana
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda inicia este venres, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a rehabilitación do firme do tramo da estrada autonómica que comunica A Lanzada co Grove (PO-316), no entorno da praia da Lanzada. A obra complementa á pavimentación realizada nas glorietas deste treito no pasado mes de marzo.
Actuarase no tramo de 1,8 quilómetros comprendido entre as glorietas existentes coa estrada Cambados – A Lanzada (PO-550) e coa estrada a San Vicente do Mar (PO-317), situado no Concello do Grove.
A obra comezará este venres e consistirá na extensión dun microaglomerado nas dúas calzadas do vial, que suman unha superficie total no entorno dos 22.400 metros cadrados, o que permitirá eliminar as fisuras existentes e aumentar a adherencia da capa de rodadura. Melloraranse así as características superficiais do firme e prolongarase a vida útil desta infraestrutura.
Estes traballos completaranse co repintado das marcas viarias.
No pasado mes de marzo a Axencia Galega de Infraestruturas xa acometeu unha rehabilitación do firme das tres glorietas existentes no tramo, que contou cun orzamento de 48.000 euros.
Será necesario realizar cortes puntuais dun dos carrís de circulación
Se as condicións climatolóxicas son as agardadas, a extensión do novo firme requirirá de tres días de traballo, polo que quedará rematada ao longo da semana. Será necesario realizar cortes puntuais dun dos carrís de circulación, que serán debidamente sinalizados, permitíndose o tráfico de xeito alternativo polo segundo carril.
Con estas actuacións, nas que se inverterán 56.000 euros e se realizan mediante o contrato de conservación integral, o goberno autonómico mellorará o estado do firme para garantir unha circulación cómoda e segura dos usuarios desta estrada, que rexistra un tráfico moi importante especialmente nos meses de verán.