Amencer suma outras cinco bicis adaptadas e Xuntos asina un convenio de inclusión laboral
Por Redacción
Amencer-ASPACE amplía o proxecto DisCamino a Pontevedra para o que contarán con cinco bicicletas adaptadas a persoas con distintas discapacidades motoras.
Mónica Touriño, xerente da entidade pontevedresa, explica que "esta iniciativa permitirá que as persoas con diversidade funcional poidan gozar do lecer coas súas bicis adaptadas, ademais de ofrecerlles unha alternativa para poder saír da rutina das terapias máis tradicionais, fomentando unha actividade saudable e física en contacto coa contorna natural".
A historia de DisCamino empeza en agosto de 2009, cando Gerardo, un rapaz xordo-cego de Vigo, fixo o seu primeiro Camiño de Santiago pedaleando sobre un Copilot, triciclo tándem de orixe holandesa que lle doaron para que puidese cumprir o seu soño. Unha vez na praza do Obradoiro, cando a ruta chegara á súa fin Gerardo pronunciou unhas palabras que marcou aos alí presentes: "busca máis persoas con problemas como eu para facer o Camiño moitos anos". Así naceu DisCamino, unha ferramenta para lograr que calquera persoa discapacitada poida gozar de todo o que a peregrinación ofrece a calquera outro peregrino do camiño.
Este mércores, ás 16.30 horas, terá lugar a primeira das quedadas para prepararse para o DisCamino 2016 no centro que Amencer-ASPACE ten en Campolongo. Todos aqueles interesados poderán achegarse para coñecer máis de preto esta iniciativa, aberta a todas as persoas con algún tipo de discapacidade, así como a todo aquel que queira ofrecer a súa axuda como voluntario.
INCLUSIÓN SOCIOLABORAL
A Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa (Aempe) e a asociación Down Pontevedra "Xuntos" asinaron un convenio de colaboración co fin de promover a inclusión sociolaboral das persoas con sindrome de down e/ou discapacidade intelectual.
No convenio acórdase a difusión por parte de Aempe do Servizo de Emprego con apoio que ofrece a entidade, a través do cal as empresas poden contratar a persoas con discapacidade adecuadas ao posto e que ademais serán formadas nas funcións para desenvolver por un preparador laboral que a entidade pon a disposición da empresa de modo gratuíto.
Relacionadas:
-
Festa e reivindicación polo Día internacional da Síndrome de Down
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Unha divertida carreira contra as barreiras
Por Redacción |
-
'Ponte no meu lugar', para entender a parálise cerebral
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Cando a xornalista se sitúa ao outro lado... e a fan reflexionar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os usuarios de Amencer bailan na Peregrina nun divertido "flashmob"
Por Mónica Patxot |