Alarma en Meis por un falso aviso de bomba nunha nave
Por Natalia Puga
Os técnicos en Desactivación de Artefactos Explosivos (TEDAX) da Garda Civil 'peitearon' a primeira hora deste luns unha nave do polígono industrial de Vilanoviña, no Concello de Meis, ante unha alerta pola presenza dunha bomba. Tras realizar as preceptivas comprobacións, concluíron que se trataba dunha falsa alarma.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia confirmou que un particular chamou ás 6.38 horas deste luns ao 112 avisando de que había unha bomba instalada nunha nave do polígono de Vilanoviña. Ao tratase dun asunto relativo á seguridade, todos os datos dos que dispoñían foron trasladasos á Garda Civil.
Segundo informou a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, unha vez que tiveron coñecemento dos feitos, deuse aviso aos Tedax, que acudiron ao polígono, acordoaron a nave na que supostamente había instalada unha bomba, da empresa de contrucción e transporte Excavaciones Expano S.A.
Os axentes especializados procederon a revisar o interior das instalacións para buscar o suposto explosivo. Unha vez concluída a revisión de toda a nave, a Garda Civil concluíu que se tratou dunha falsa alarma.
A Garda Civil mantén aberta unha investigación para determinar quen foi o autor da chamada e se había algún viso de realidade na mesma.