Bueu mellorará o ámbito da capela dos Santos Reis
Por Redacción
O empedrado do terreo que rodea a capela dos Santos Reis, no Concello de Bueu, será mellorado de forma substancial, segundo avanza o goberno municipal, tanto desde o punto de vista funcional como estético.
A idea é acondicionar o emprazamento para o uso de peóns, empedrando parte do adro de terra mellorando o acceso e uso das instalacións.
Esta obra, cun orzamento total de case 10.000 euros, levarase a cabo con parte dunha subvención que se vén de solicitar á Deputación de Pontevedra para a rehabilitación de bens e inmobles de titularidade municipal e que teñan recoñecido algún valor artístico, histórico, arqueolóxico e etnográfico.
Como complemento á actuación principal, tamén se van instalar luminarias estancas tipo LED.
A capela dos Santos Reis, situada no Valado, conta coa peculiaridade de ser un dos poucos templos de adoración aos reis magos, xunto á alemá de Colonia, que data do ano 1686, aínda que conta cunha remodelación feita a mediados do século pasado a partir dos bosquexos de Urbano Lugrís.