O BNG ve unha "tomadura de pelo" rebaixar a AP-9 Pontevedra-Vigo só a usuarios con telepeaxe
Por Natalia Puga
O BNG anuncia a súa oposición ao acordo ao que chegaron o Ministerio de Fomento e Audasa para rebaixar a peaxe entre Pontevedra e Vigo no tramo de regreso, ao aplicarse só a aquelas persoas que dispoñan de aparato de telepeaxe. Os nacionalistas considérano unha "tomadura de pelo".
Para o BNG, o "máis grave" da decisión é que se vai financiar "cun incremento de todos os demais tramos para todos os demais usuarios". "Estamos ante unha enxeñería tramposa da ministra de Fomento, unha tomadura de pelo", calificou a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila.
"O único que fixo a ministra (Ana Pastor) foi cargar sobre os usuarios unha redución que vai recaer sobre os usuarios, isto é inasumíbel, sobre todo tendo en conta que Audasa está tendo moitos beneficios", opina a nacionalista. E engade que "se hai que facer rebaixas ou obras ten que ser a conta de Audasa, non con cargo aos usuarios para garantirlle beneficios á empresa".
Olaia Fernández Davila e a deputada no Parlamento Galego Carme Adán acudiron este sábado a Redondela, acompañadas da concelleira do BNG en Redondela, Cecilia Pérez Orxe, para manter unha reunión coa plataforma de Chapela contra a ampliación de Rande.
Alí manifestáronlles o seu apoio e anunciaron que o BNG continuará traballando no Congreso e no Parlamento para paralizar esta actuación. Os membros da plataforma explicáronlles que a parroquia de Chapela "resultará moi afectada porque nesa zona están o colexio, o instituto, o centro de saúde". Fernández Davila comparte esta preocupación, ao considerar que as obras "van xerar inseguridade viaria e tamén nas vivendas que quedarán a rente da autopista".
O BNG quere que o Goberno explique as razóns desta ampliación e por que ten que continuar dende o quilómetro 150 ata a saída de Vigo xa que, tal e como insiste a deputada no Congreso, "neste tramo non hai saída ningunha e só vai xerar un caos circulatorio, é un proxecto que non ten sentido".
Olaia Fernández Davila e Carme Adán enfatizaron que "ten que haber alternativas á ampliación da ponte de Rande, alternativas que pasarían pola A-57", a autovía libre de peaxe.
Relacionadas:
-
As bonificacións na volta entre Pontevedra e Vigo pola AP-9 superaron os 1,4 millóns de viaxes
Por Redacción |
-
O BNG pide a Fomento que revise o proxecto de ampliación de Rande "porque non resolve os problemas"
Por Redacción |
-
O Goberno aproba a rebaixa de peaxes entre Pontevedra e Vigo
Por Oskar Viéitez |
-
A peaxe Pontevedra-Vigo será de balde no tramo de regreso en días laborables
Por Natalia Puga |