Os veciños da Eiriña reclaman ao Estado que adecente o vello cuartel da Garda Civil
Por Oskar Viéitez
A asociación de veciños do barrio da Eiriña entregou este mércores na Subdelegación do Goberno un escrito acompañado por 828 firmas no que reclaman ao Ministerio de Interior que adecente o vello cuartel da Garda Civil nas rúas Loureiro Crespo e Casimiro Gómez.
No seu escrito os veciños expoñen a súa "preocupación polo estado de abandono, inseguridade e insalubridade" deste edificio.
En consecuencia solicitan á administración do Estado a "limpeza e mantemento" dos terreos circundantes a este inmoble, ademais do "coidado, limpeza e mantemento do edificio", segundo explicou o presidente desta asociación, Jesús Cazorro, para "evitar a imaxe negativa que presenta na actualidade".
Tamén piden o control do acceso ao edificio para impedir a súa ocupación por persoas "que acumulan lixo, o que crea un grave risco de inseguridade e de incendio".
Finalmente os veciños da Eiriña instan o Ministerio de Interior a que tramite unha proposta de novo uso destas instalacións, "estudando a posibilidade de destinalo a unha nova sede da Policía Nacional".
O Concello tamén recolleu unha copia destas queixas veciñais e, segundo explicou o concelleiro de Obras Urbanas e Mobilidade, Luís Bará, tamén solicitará á administración central medidas neste mesmo sentido.
Bará tamén asegurou que o Servizo de Disciplina Urbanística ten aberto un expediente administrativo para garantir que o Estado acometa as medidas necesarias para corrixir a situación actual e evitar desprendementos á vía pública.
Relacionadas:
-
O Concello aposta polo traslado da Policía Nacional ao antigo cuartel da Garda Civil en Casimiro Gómez
Por Oskar Viéitez |
-
Preocupación no Concello e entre os veciños polo estado do antigo cuartel da Garda Civil
Por Alejandro Espiño |
-
Os bombeiros teñen que intervir por un incendio na antiga comandancia da Garda Civil
Por Redacción |