Cando a xornalista se sitúa ao outro lado... e a fan reflexionar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un grupo de cinco xornalistas senta do mesmo lado dunha gran mesa. Xusto enfronte ocupan o seu sitio outras cinco persoas. A conclusión máis evidente á que chegaría calquera observador sería que se trata dunha rolda de prensa na que os cinco primeiros están a recoller as impresións dos outros cinco ante calquera asunto de actualidade. E estaría no certo no 99% dos casos, pero a realidade non sempre é o que parece e se un se atreve a abrir ben os ollos e toma o tempo necesario para observala con detemento descobre momentos case únicos como os vividos este martes na Ultramar de Pontevedra. Era unha desas 1% das ocasións nas que os papeis son á inversa e os entrevistados son os que sempre están tras o micro e o caderno.
Cinco xornalistas de PontevedraViva, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Onda Cero Radio e Diario de Pontevedra foron este martes os entrevistados. Quen os interrogou ata conseguir que espremesen o cerebro e parasen a reflexionar sobre aspectos nos que poucas veces o trafego do día a día permite deterse foron Suso, Jose Pita, Sergio, Mayka e Julio, cinco usuarios da asociación Amencer-Aspace de Atención á Parálises Cerebral e Afíns.
Convivir nunha sociedade cada vez máis individualista é complicado, pero máis difícil resulta desaprender leccións asumidas desde a infancia e liberarse de prexuízos cara a colectivos aos que moitas veces non nos achegamos por medo ao descoñecido, pero outras moitas simplemente porque estamos demasiado afeitos a mirar cara á nosa propia contorna e abrir o campo de mirada cara a novos círculos implica un esforzo. Neste contexto no que, a xuízo das súas respostas, os cinco xornalistas entrevistados coinciden que vive a sociedade actual, agradécense iniciativas como esta entrevista á inversa. Pero, sobre todo, fanse necesarias.
A sociedade non se achega a Amencer-Aspace por medo ao descoñecido?
Os entrevistadores querían saber que lles suxería aos xornalistas o termo parálise cerebral, da que están afectados todos eles, unha pregunta moi directa coa que empezaron a pregunta e serviu para deixar claro que aí non había tregua, quen por un día sentaban alén do micro serían sometidos a un auténtico terceiro grao.
"Muchas veces nos dáis lecciones que de otra forma sería difícil que asumiésemos", recoñeceulles unha reporteira. Xa caera a barreira inicial que adoita crearse en calquera entrevista e os xornalistas rendéranse ante as habilidades de quen nesta ocasión os interrogaban para chegar máis aló do superficial. Para conseguir que polo menos os alí presentes reflexionasen sobre o día a día de quen ten diversidade funcional quizais máis do que o poden facer de forma habitual.
"Llegáis a sitios a donde no llega un flashmob"
A valoración final de todos eles foi satisfactoria, dunha "experiencia inolvidable" na que houbo preguntas duras e unha que lles descolocó a todos. "¿Qué opináis sobre la situación de Cataluña?", quixo saber Suso e, tras repoñerse á sorpresa, todos tentaron saír do envurullo como puideron. Pero xa nada sería igual a partir dese punto. As preguntas terminaran, pero todas, e sobre todo esa última, cambiáros un pouquiño.
A entrevista á inversa, realizada no marco dos actos do 25 anivesario de Amencer-Aspace, cumpriu este martes co seu obxectivo de visibilizar, pero, sobre todo, concienciar. "Llegáis a sitios donde no llega un flashmob", recoñecéronlle e eloxiaron os xornalistas, que son partidarios de que este tipo de iniciativas se repitan.
E é que Sergio, outro dos entrevistados, estaba no certo nunha das súas reflexións finais, cando asegurou que "donde hay que trabajar no es en la gente adulta, a los adultos no los vas a cambiar. Donde hay que trabajar es a nivel educativo, para que las nuevas generaciones no pequen de los mismos errores", pero esquecíase de que en ocasións tamén se pode ir cambiando aos maiores, abrindo conciencias e rompendo tópicos e prexuízos. Quen pode facelo son os medios de comunicación. E os usuarios de Amencer-Aspace con dotes de comunicadores.
Relacionadas:
-
19 instantáneas para compartir a realidade das persoas con parálise cerebral
Por Mónica Patxot |
-
Amencer suma outras cinco bicis adaptadas e Xuntos asina un convenio de inclusión laboral
Por Redacción |
-
'Ponte no meu lugar', para entender a parálise cerebral
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Sorpresas exprés para celebrar o 25 aniversario de Amencer
Por Redacción |
-
'25 anos, 25 desexos, 25 persoas' de Amencer-Aspace
Por Redacción |