Descubrindo 'A Tenda da Gata': Consumo local, economía sustentable
En Pontevedra, na praza da Verdura. localizamos 'A Tenda da Gata'. Trátase dunha tenda pequena, pero que esconde moito máis do que se pode apreciar a primeira ollada. É fácil de identificar. Á súa porta exhibe de forma permanente unha pequena carreta con algún dos seus produtos da horta. O demais hai que descubrilo no interior.
En 'A Tenda da Gata' soamente venden produtos galegos ecolóxicos, verduras e viños, mesmo pasaxes para facer turismo, visitando as illas Cies e Ons, pero tamén a atopamos en feiras e concertos. Ademais, organizan eventos co seu servizo de catering.
- Para coñecer un pouco máis a súa ampla e variada oferta de servizos, da súa filosofía de venda, falamos coa súa propietaria, Yolanda Valcárcel. Nunha tenda pequena como a túa, cóntanos que ofreces ao consumidor.
- Moitas cousas, aínda que non todas as teñamos á vista. Non só produtos, senón tamén servizos. Abrimos hai dous anos co concepto claro de ser unha tenda de consumo responsable. Buscamos orientar aos nosos clientes a que consuman e compren con sentido. Se cando compramos facémolo sen ter en conta a orixe nin o impacto ambiental que supón o que comemos, vestimos ou usamos a diario, sen darnos conta aos poucos estamos a destruír a economía local, xa que polas canles habituais do consumo, a maior parte dos produtos veñen de fóra, deixando así de comprar os locais.
- Pero é que eses produtos de fóra moitas veces son máis baratos, e iso condiciona.
- Si, son máis baratos, pero tamén de menor calidade. Ademais, a longo prazo o barato sae caro. Ao diminuír o consumo de produtos locais, os produtores e pequenas empresas ven obrigadas a pechar, destruíndo emprego próximo, noso, mentres que outras empresas grandes veñen instalarse en naves e grandes edificacións, amparadas por marcas comerciais apoiadas nuns excelentes profesionais do márketing que nos fan que compremos e compremos produtos de baixa calidade a baixo prezo, sen pensar onde vai parar o diñeiro desa compra. Consumir responsable non é comprar, é investir, investir no produtor local, nas empresas de proximidade para que poidan xerar emprego.
- En 'A Tenda da Gata' só se venden produtos galegos?
- Vendemos produtos galegos ou que proveñen de empresas creadas en Galicia, que respectan o medio natural, se son de orixe e certificación ecolóxica mellor, pero tamén temos os produtos artesáns que non podes atopar en grandes superficies ou nas canles da distribución industrializada ou masiva. Apoiamos ao pequeno produtor e producimos igualmente ecolóxico.
Yolanda Valcárcel: "Vendemos produtos galegos ou que proveñen de empresas creadas en Galicia, que respectan o medio natural, se son de orixe e certificación ecolóxica mellor"
- Dinos algúns dos vosos produtos.
- Como xa comentei, a nosa é unha tenda de produtos galegos ecolóxicos e artesanais. Non é unha tenda 'delicatessen' senón unha tenda de barrio con produtos de proximidade: pans, viños de adegas pequenas a todos os prezos, queixos, embutidos, cervexas, verduras, tortas, conservas, como digo, todo de proximidade, respectando os ciclos naturais e as tempadas.
- Pero ademais, tamén realizades servizo de Catering.
- Si. Organizamos todo tipo de eventos por encargo. Facemos eventos sustentables, colaborando e traballando con empresas locais, con elementos reutilizados, reciclados, co menor impacto ambiental posible, coidando os espazos. Os nosos eventos conxugan a sinxeleza coa calidade e a fiabilidade do produto. Fuximos da ostentación, pero iso non significa que non coidemos ao máximo a decoración e os detalles. Os nosos menús priman a alimentación natural, de tempada, na medida do posible ecolóxica e saudable, con produtos 100% galegos.
- E outra faceta de 'A Tenda da Gata' é o Turismo Responsable.
- Desde que abrimos, na tenda pódense comprar pasaxes para visitar Ons e Cíes, pero tamén podes descubrir diferentes actividades de lecer en Galicia relacionadas coa natureza, a gastronomía, deportes, etnoloxía e moitas máis. Ademais, este verán propoñemos dúas novas rutas apaixonantes e únicas. Unha visitando as illas de Ons e Sálvora, e outra á Ribeira Sacra. Son experiencias únicas moi preto de casa, conectando coa nosa terra. Tamén podes alugar un barco, con e sen patrón, guías con idiomas, cociñeiros para as vacacións, habitacións en aloxamentos alternativos, en granxas eco, rutas nocturnas, Kaiak, visitas guiadas a Cortegada ou Sálvora, turismo mariñeiro, visitas a adegas, etc. Imos, case todo o que queiras facer en Galicia se buscas un turismo sustentable e responsable. Se consultas a nosa web: www.atendadagata.com, atoparás un apartado onde podes solicitar información da túa viaxe e indicar as túas necesidades. Poñerémosche en contacto coas micro empresas de turismo responsable en Galicia.
- Tamén vimos que falades do 'Movimento Slow', en que consiste?
- Slow Food supón dar a debida importancia ao pracer vinculado ao alimento, aprendendo a gozar da diversidade das receitas e dos sabores, a recoñecer a variedade dos lugares de produción e a identificar os artificios, a respectar o ritmo das estacións e a tempada dos alimentos tanto na tenda como nos eventos sustentables.
- Que é a 'Gata Móbil'?
- A 'Gata Móbil', é a nosa tenda ambulante que este verán desprazarase na nosa furgoneta 'A Jatiña 1' co carriño das burguers 'A Gata Móbil' por unha chea de feiras gastronómicas, concertos e celebracións privadas. Está decorada con moito mimo e nela presentamos opcións vexetarianas, veganas, ademais de levar as 'Galeguesas', que son unhas hamburgueses feitas con carne de Cachena (raza galega de pasto) autóctona de Galicia e o norte de Portugal. Igualmente levamos ensaladas eco de tempada. Así que si nos ves, non dubides en achegarte e probar algunha.
'Xoves de Pecado', Turismo Responsable e Servizo de Catering son outras das ofertas de 'A Tenda da Gata'
- Antes de terminar, explícanos que son os 'Xoves de Pecado'.
- Son un evento semanal que se celebra os xoves as 21.00 horas, na propia tenda, e onde os produtores preséntannos dunha maneira próxima os seus proxectos, dándonos a degustar o produto por un módico prezo de cinco euros por persoa, nun ambiente distendido e alegre, que xeralmente aproveitamos logo para visitar algún dos locais pontevedreses nos que se organizan concertos en directo.
- Algunha cousa máis que se nos quedou atrás?
- Unicamente dicir que 'A Tenda da Gata' é un escaparate do que se está facendo en Galicia. Un punto de información e venda do noso, do que hai no rural, no mar, nos talleres, situado no centro da cidade. Non quero terminar sen agradecer a Fiare Banca Ética, Amarante Setem (tenda de comercio Xusto) 4Ponlas (asociación de consumo responsable da que formo parte), o apoio para que poida continuar coa actividade, xa que se non fóra por estes apoios, resultaría imposible este proxecto empresarial. Eles creron no noso proxecto, máis aló do que teñas ou sexas. Tamén agradecer aos concellos de Poio, Cotobade, Bueu, Vilaboa e Pontevedra (servizo de normalización lingüística, mocidade, promoción económica), asociacións culturais (Trepia, Armadiña), tendas da cidade, particulares, Universidade de Vigo, (vicerrectoría), empresas locais que nos teñen en conta para mostrar os produtos e os produtores locais a través nosa. Tamén dicir a todos que podedes seguir a nosa páxina de Facebook, onde atoparedes ao momento todas as novidades e eventos non só da tenda, se non tamén de feiras, concertos, locais, talleres, rutas, etc.