En Xende xa teñen preparados ata os cadaleitos para a celebración do Santo Cristo
Por Redacción
O Concello da Lama acaba de finalizar os labores de limpeza e preparación da contorna da igrexa de Xende, solicitadas pola Comisión de Festas, co fin de facilitar a celebración da romaría do Santo Cristo e favorecer a seguridade viaria na zona.
Así mesmo, o Concello da Lama realizou labores de reparación dos principais tramos por onde discorrerá a procesión e o Santo Encontro das imaxes que tradicionalmente proceden dos diversos lugares lindeiros e que transportan as imaxes relixiosas desde diversos lugares da parroquia para confluír fronte ao atrio da igrexa, nun acto de homenaxe ao Santo Cristo. Unha imaxe que percorre os informativos nacionais pola chamativa presenza dos cadaleitos das persoas ofrecidas.
O alcalde, Jorge Canda, considera que esta romaría consolídase en Galicia como punto de atracción relixiosa e turística polo gran número de persoas que se achegan ata o municipio da Lama movidos polo sentimento relixioso e etnográfico e o turismo natural que ofrece a incomparable contorna ambiental do municipio.
PROGRAMA FESTIVO
Por outra banda, o programa festivo é o seguinte:
- Sábado 21.- Haberá misas ao longo de toda a mañá, cada hora, a partir das 09.00h. A misa solemne, celebrarase ás 12.00h, será cantada polo coro parroquial. A continuación será a procesión e a actuación da banda de gaitas Os Catro Ventos. Pola tarde oficiaranse misas cada hora desde as 17.00 ata as 19.00 horas. Ás 21.00h terá lugar o gran Serán que rematará coa degustación dun delicioso chocolate.
- Domingo 22.- Ás 09.00h comezarán as misas, que se repetirán cada hora. Ás 11.00 horas será o Santo Encontro de todos os santos das parroquias veciñas. A misa solemne cantada pola Banda Airiños do Morrazo oficiarase ás 12.00h e a continuación terá lugar a procesión acompañada pola citada banda, a cal ofrecerá un concerto rematados os actos litúrxicos. Pola tarde, ás 18.00 horas, oficiarase a misa solemne cantada seguida de procesión e acompañamento musical da Banda de Música Airiños do Morrazo.
- Finalmente o domingo 29 de maio, ás 13.00h terá lugar a misa solemne de Corpus, seguida da procesión.