O BNG pide que Vilagarcía regule a instalación das antenas de telefonía logo das queixas de Faxilde e A Escardia
Por Redacción
A alarma veciñal suscitada polos veciños de Faxilde e A Escardia en torno aos efectos das antenas de telefonía móbil e as ondas electromagnéticas que emiten fixo reaccionar al BNG de Vilgarcía. O partido ven de presentar unha moción solicitando a elaboración e posta en marcha de forma urxente dunha ordenanza que regule a súa instalación.
"As últimas protestas veciñais contra estas instalacións coma as acontecidas en Faxilde ou na Escardia, veñen a demostrar a preocupación dos cidadáns deste municipio polos efectos que estas instalacións a través da emisión das ondas electromagnéticas poidan ter sobre a poboación, e confirman a necesidade dun regulamento por parte deste concello que garanta a súa protección", indican os nacionalistas.
O BNG considera que a proliferación das instalacións de telefonía nos últimos tempos está incidindo dunha forma importante tanto no aspecto urbanístico e paisaxístico, como no que atinxe ao impacto ambiental e a saúde; aspecto este último que preocupa especialmente a cidadanía e xera alarma social.
Na súa opinión, resulta necesaria unha maior implicación do concello no control deste tipo de instalacións. "Dende o BNG entendemos que o concello ten a obriga de protexer os intereses dos veciños e, neste sentido, elaborar e aplicar unha normativa que protexa tanto a súa saúde como a do medio ambiente", sinalan.
A creación desta ordenanza para o BNG debe contribuír, ademais, a unha maior información e participación da cidadanía sobre calquera instalación deste tipo que se pretenda levar adiante neste concello.
Ao respecto, indican que "hoxe en día o concello de Vilagarcía de Arousa, a diferenza de outros concellos, carece dunha normativa que regule este tipo de instalacións. Este feito está a producir indefensión da cidadanía diante das operadoras que non sempre teñen en conta as medidas de precaución adecuadas sobre todo con aqueles sectores da poboación que poden ser máis sensibles as mesmas".