Sorpresas exprés para celebrar o 25 aniversario de Amencer
Por Redacción
Amencer é a asociación de Atención á Parálise Cerebral e enfermidades afíns que desenvolve un intenso traballo con persoas que padecen estas patoloxías tanto en Pontevedra como en Vilagarcía. Este ano celebran o seu 25 aniversario e fano cun amplo número de actividades que foron presentadas este xoves 19 no Concello de Pontevedra polo presidente da asociación, Carlos Godoy acompañado pola concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces.
Precisamente, durante a presentación a dirección de Amencer levou a sorpresa de que o Concello anunciáballes a cesión do espazo en Ponte Muíños que ata agora ocupaban as oficinas do Centro de Formación Ocupacional do Proxecto ILES, onde teñen previsto crear un centro de desenvolvemento neurolóxico e de atención temperá para menores de seis anos, segundo explicou a xerente da asociación Mónica Touriño.
Na actualidade, Amencer atende a 128 persoas con parálise cerebral, 88 delas repartidas nos centros de Pontevedra e Vilagarcía, o resto reciben atención a domicilio por parte dos 51 profesionais que traballan para este colectivo. Todos eles serán os protagonistas dos actos que desde este venres 20 desenvolveranse con motivo do 25 aniversario.
Baixo o título de '25 anos, 25 persoas e 25 desexos', este venres desde as 12.00 horas na Praza de España levará a cabo unha solta de 25 globos que conteñen os desexos deste colectivo para mellorar a súa calidade de vida.
Dentro das sorpresas, Amencer ten previsto que o luns 23 suceda algo que ninguén se espera na praza da Peregrina a partir das 18.15 horas. Ao día seguinte, as persoas con parálise cerebral converteranse en xornalistas e manterán un encontro con representantes dos medios de comunicación. A xornada do mércores 25 contará cunha actividade denominada 'Pontevedra Exprés' que, ao estilo do programa televisivo 'Pequín Express', servirá para que usuarios, profesionais e familiares que forman parte da entidade acompañados por persoas coñecidas do deporte realicen un percorrido pola cidade co obxectivo de descubrir que parte de Pontevedra aparece reflectida nunha fotografía. Comezará na Casa da Luz ás 11.00 horas. Para apuntarse é necesario enviar un correo a comunicacionaniversario@amencer-aspace.org
O xoves 26 de maio de 11.00 a 14.00 horas na praza da Ferrería desenvolverase 'Ponte no meu lugar', unha iniciativa na que os estudantes do CEIP Campolongo e do centro de FP A Xunqueira experimentarán como é o día a día dunha persoa con parálise cerebral.
Xa o venres 27 levarán a cabo as xornadas técnicas baixo o lema "Avanzamos. O esforzo e os resultados desde diferentes ámbitos", un evento que se desenvolverá no Salón de actos do edificio administrativo da Xunta en Campolongo e no que participarán, entre outros especialistas, a pedagoga e psicóloga brasileira Clarice Peres; o xefe de Atención Temperá do CHOP, Flores Calvete e o experto en xenética, Ángel Carracedo. Tras esta xornada, os participantes poderán acudir a unha cea solidaria, que contará cunha gala do humor no Parque de Verán do Liceo Casino na Caeira.
Relacionadas:
-
'Ponte no meu lugar', para entender a parálise cerebral
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Cando a xornalista se sitúa ao outro lado... e a fan reflexionar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os usuarios de Amencer bailan na Peregrina nun divertido "flashmob"
Por Mónica Patxot |
-
Globos ao ceo dos usuarios de Amencer para pedir unha mellor integración social
Por Anxo Lourido |
-
'25 anos, 25 desexos, 25 persoas' de Amencer-Aspace
Por Redacción |