Acordo entre Concello e Sergas para integrar o Provincial na nova praza de Loureiro Crespo
Por Alejandro Espiño
O Hospital Provincial integrarase coa praza pública que se habilitou recentemente en Loureiro Crespo, diante do centro sanitario. Así o acordaron o Concello de Pontevedra e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), segundo avanzou este xoves o concelleiro Luís Bará.
O edil do BNG celebrou a "boa disposición" do Sergas cara a este proxecto, no que o goberno municipal investirá 59.000 euros. As obras adxudicaranse en próximas semanas e espérase que se realicen durante o verán.
O máis destacado desta actuación é a reformulación do muro que actúa como peche perimetral do hospital. Non se eliminará totalmente, como pretendía inicialmente o Concello, pero si se rebaixará substancialmente, de forma que poida servir como bancos corridos da praza. Para iso, a súa parte superior será revestida con madeira.
Só o muro que dá á rúa Cobián Areal manterase tal como está agora mesma.
Ademais, mellorarase as ramplas de acceso situadas na entrada principal do hospital, actualmente en moi mal estado, que serán recubertas cun pavimento negro.
Tamén se repararán as escaleiras centrais, substituíndo por lousa de pedra o actual empedrado.
Dentro desta reforma tamén se inclúe o traslado da caseta de transfusións que abandonará a entrada das urxencias infantís para situarse no espazo reservado a aparcadoiro entre o hospital a rúa Antón Fraguas.
Polo momento, non se actuará sobre a estatua que hai no ámbito do hospital, o quiosco que rexenta a asociación Xoán XXIII ou nos xardíns, pero non se descarta poder facelo a medio prazo. En todo caso, neles podería actuar o Sergas directamente en calquera momento.
Relacionadas:
-
A reforma integral da contorna do Hospital Provincial incluirá unha estatua en homenaxe aos doantes
Por Natalia Puga |
-
A integración do Hospital Provincial na nova praza de Loureiro Crespo, lista en novembro
Por Alejandro Espiño |
-
Os pivotes da nova praza do Hospital son "mortais", segundo o PP
Por Redacción |
-
Música e xogos infantís na estrea da "Praza do Hospital"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |