Tes algunha queixa para a Valedora do Pobo? Trasládalla en persoa este mércores na Casa das Campás
Por Redacción
Todos aqueles cidadáns que teñan algunha queixa para trasladar á Valedora do Pobo poderán facelo de xeito directo este mércores en Pontevedra. A responsable de institución, Milagros Otero Parga, manterá un encontro aberto coa cidadanía entre as 17.00 e as 19.00 horas na Casa das Campás.
A xornada permitirá aos interesados expor de xeito directo as súas queixas á valedora e ao seu adxunto, Pablo Cameselle Martínez, e poder analizar con ela as actuais políticas públicas no eido municipal, autonómico ou estatal.
A valedora quere invitar á cidadanía de Pontevedra a acudir a esta cita, pois a participación dos veciños é un dos aspectos que enriquece este tipo de actividades. Para garantir a participación, xa se cursaron invitacións ás principais entidades do tecido asociativo da cidade, representantes veciñais, culturais e sociais e, a maiores, a participación na actividade é aberta a toda persoa que o desexe.
Pontevedra é a cuarta cidade que a valedora visita desde que pouco despois da súa toma de posesión en setembro de 2015 puxo en marcha un programa de achegamento á cidadanía galega. Ata o momento celebrou con éxito encontros en Ourense, A Coruña, Ferrol.
A visita de Milagros Otero a Pontevedra inclúe tamén un encontro institucional co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Ás 11.30 horas está programada á súa chegada á Casa do Concello da rúa Michelena, onde deixará a súa sinatura no libro de honra da cidade e manterá unha entrevista co alcalde. Está previsto que se reúna cos membros da Corporación e celebre unha xuntanza de traballo cos voceiros dos grupos municipais.