Abre o prazo para acceder á Escola de Canteiros
Por Redacción
A Escola de Canteiros abre este luns 16 de maio o prazo para preinscribirse no próximo curso 2016-2017.
Ata o 31 de xullo, as persoas interesadas poderán facelo de dous xeitos, ben online a través da páxina web da Deputación ou ben de xeito presencial no rexistro provincial. Dende o 1 ata o 31 de agosto, a preinscrición poderá facerse só a través da internet.
Para estudar na Escola de Canteiros hai dúas opcións: a formación oficial con clases polas mañás de luns a venres, cunha duración de tres anos, ou a formación específica con clases nocturnas (de 7 a 9 da tarde) de luns a xoves e con dous anos de duración.
Na actualidade, máis de 40 persoas cursan os seus estudos neste centro provincial.
Dende o ano 1979, a Escola de Canteiros impulsa a formación na arte de traballar a pedra, tanto dende un punto de vista teórico coma práctico.
Os estudos oficiais compóñense de materias base para a formación no dominio e manexo de ferramentas, materiais, técnicas e oficios; así como materias complementarias que aportan coñecementos necesarios para facilitar o traballo material de labrar a pedra e os seus posibles usos.
Os estudos específicos céntranse nas técnicas de cantería e escultura cunha formación tanto teórica como práctica.