O PP esixe a apertura "canto antes" do punto limpio do polígono da Reigosa
Por Redacción
O punto limpo da Reigosa, segundo o Partido Popular, segue pechado a pesar de ser transferido ao concello hai catro meses.
A construción deste punto limpo, lembran os populares de Ponte Caldelas, foi solicitada á Xunta de Galicia polo anterior goberno municipal en novembro de 2014. Propúxose entón como emprazamento unha parcela municipal de 1.417 metros cadrados situada no polígono industrial, ao estar xa cualificada urbanisticamente para eses usos.
A obra foi licitada en xaneiro de 2015 e adxudicada en agosto de 2015 pola cantidade de 285.488 euros á empresa Atlántica de Construción e Medio Ambiente SL, cun prazo de execución de catro meses.
En xaneiro deste ano, tras a finalización das obras, o punto limpo foi transferido ao Concello de Ponte Caldelas, "o cal o mantén pechado, a pesar de que no pleno de novembro que aprobou a ordenanza reguladora do mesmo afirmouse que se abriría en breve", aseguran desde o PP.
"Preocúpanos que desde o Concello se tarde tanto tempo en poñer en funcionamento este servizo que ten un trámite moi sinxelo", afirma o portavoz popular Ricardo Castro.
O PP espera que se "canto antes" se poña en marcha este servizo que "permitirá evitar a vertedura incontrolada de cascallos e residuos voluminosos como mobles ou electrodomésticos e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe".
Relacionadas:
-
O Concello de Ponte Caldelas pide que a Xunta autorice "dunha vez" a apertura do punto limpo
Por Redacción |
-
O punto limpo da Reigosa será gratuíto e para uso exclusivo dos veciños de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O parque empresarial da Reigosa dispoñerá dun punto limpo
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas solicita á Xunta a creación dun punto limpo no parque empresarial da Reigosa
Por Redacción |