A música impulsa unha Sétima Feira de record
Por Redacción & Diego Torrado
O tempo está a demostrar que a Sétima Feira, a iniciativa impulsada para dinamizar a praza de abastos de Pontevedra, resulta ser un gran éxito na cidade.
Con cada unha das súas edicións son máis as persoas que se achegan ata a primeira planta do mercado para esculcar polos postos de artesáns e creadores locais, gozar dun bo concerto dalgún artista pontevedrés ou degustar algunha das delicias gastronómicas que alí se serven.
Pero nesta ocasión, a música serviu para intensificar o atractivo da Sétima Feira. Coincidindo coa celebración na cidade do Galegote Rock, os organizadores desta actividade decidiron que a edición de maio -organízase o segundo sábado de cada mes- tivese a música como eixo principal.
Así, un concerto de Davide Salvado e unha sesión de DJ amenizaron a xornada, na que centos de persoas decidiron pasarse pola praza de abastos.
Moitos deles, de paso, aproveitaron para comprar nalgún dos postos das praceiras, polo que segundo o goberno municipal cúmprese outro dos obxectivos cos que nacía esta iniciativa hai uns meses.