Lores e Caballero reiteran en Vigo a vontade de colaboración entre as dúas cidades
Por Alejandro Espiño
Que as relacións entre as dúas cidades sexan tan fluídas e tan frecuentes que unha reunión entre os alcaldes "non levante tanta expectativa mediática". Estas palabras de Abel Caballero resumen o clima de colaboración mutua que presidiu a primeira visita oficial que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, realiza á cidade de Vigo.
Fernández Lores, acompañado dos edís César Mosquera e Anabel Gulías, foi recibido polo seu homólogo vigués ás portas do concello. Tal e como fixeran na pasada visita a Pontevedra, ambos coincidiron en que o de hoxe era un día "moi importante" para as relacións institucionais entre as dúas cidades.
O alcalde pontevedrés asinou no libro de honra do Concello de Vigo. En él, escribiu que se mostra "convencido" de que a pesar das dificultades Galicia "ten futuro" e que niso as cidades de Pontevedra y Vigo "terán un papel moi importante que xogar".
Tras este acto, os dous alcaldes mantiveron -coa presenza tamén da presidenta da Deputación, Carmela Silva,- un encontro institucional no que avanzaron na necesidade de buscar sinerxías entre as cidades de Pontevedra e Vigo ao entender que as relacións entre ambas vai "por detrás das que establecen a cidadanía e a economía, que levan tempo indo por diante de nós", segundo Fernández Lores.
Abel Caballero engadiu que entre Vigo e Pontevedra existe un "clarísimo espazo común" no que as dúas cidades deben compartir "moitas cousas". Así, ambos destacaron a mellora das infraestruturas de conexión como unha prioridade.
A atrasada construción da autoestrada interior entre Pontevedra e o aeroporto, onde conecta coa rede periférica de Vigo, foi de novo destacada como a infraestrutura máis importante das que hai pendentes, coa que, ademais de baixar ou eliminar a peaxe da AP-9, gañaríase un itinerario alternativo norte-sur, capaz de eivar o paso por Rande cando a ponte presente problemas de conxestión ou anulación.
Así ocorreu, recordaron os alcaldes, hai días no incendio dunha factoría conxeladora de Moaña, que obrigou a cortar o tráfico durante unha hora creando unha brutal conxestión.
Ademais, tamén volveron reclamar a creación dun tren de proximidade cun maior número de frecuencias entre Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, así como a construción da vía do Ave entre Vigo, Pontevedra e Ourense.
Cultura, música e deporte de base foron outros temas dos que falaron Caballero e Lores, emprazando a que "de agora en diante serán máis frecuentes as reunións entre concelleiros de distintas áreas" para traballar de xeito coordinado en todo tipo de iniciativas.