Como se perde unha cadeira de bebé? En Vilagarcía aparecen por lotes
Por Redacción
Como é posible perder unha cadeira de bebé? E catro? A mesma pregunta deberon de facela ao longo do ano os traballadores da Policía Local e o Concello de Vilagarcía. Son as que foron atopados en 2012 perdidas nalgún punto do municipio e, ao non aparecer os seus donos, permanecen custodiadas en dependencias municipais.
En concreto, segundo a información difundida polo Concello, entre os obxectos perdidos atópanse unha cadeira de bebé e un conxunto de obxectos infantís composto por cadeira de paseo, porta-bebés e cadeira do coche.
Forman parte dun lote máis amplo, de 27 obxectos, que permanecen baixo custodia policial logo de aparecer perdidos na rúa e ser entregados no Concello. Nin foron reclamados polos seus propietarios nin foi posible localizar a aqueles cuxos datos constan en documentos extraviados.
Trátase dunha lista moi heteroxénea na que ademais das devanditas cadeiras de bebé se atopan obxectos tan variados como seis carteiras e monedeiros, cinco teléfonos móbiles, dos reloxos, cinco documentos diversos (DNI e tarxetas bancarias dos que non se localizaron aos seus titulares), unha videoconsola portátil, unha bicicleta de montaña, unha xoia, dous pares de gafas, unha mochila con obxectos persoais no seu interior e un lote composto por gran cantidade de chaves de varios tipos.
As persoas que crean ser donas dalgún destes obxectos poden pasar a requirilos polas dependencias da Policía Local, sitas no baixo do Concello. Antes de proceder a súa entrega, practicaránselle as correspondentes comprobacións a efectos de garantir a propiedade dos mesmos.