Os mestres composteiros anuncian: "é hora de traballar e remexer"
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que o "discurso ambiental" desta administración provincial "está a converterse en referente" como, ao seu xuízo, demostra o feito de que "as grandes cidades e a Universidade aposten por este proxecto é unha mostra da súa importancia e seriedade". Así o indicou este xoves no acto de entrega de diplomas á primeira promoción do curso de "Mestres composteiros" organizado por esta institución e na que a voceira dos recén diplomados animou aos seus compañeiros dicindo "é hora de traballar e remexer".
Segundo Carmela Silva, os mestres composteiros son "parte principal e activa" do novo modelo de xestión do lixo que "nos ilusiona", polo que lles deu o parabén.
Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera anunciou que a Deputación de Pontevedra dará unha bolsa aos 18 mestres composteiros, inicialmente só estaban previstos dez, que aprobaron a formación na coñecida como "Facultade da Compostaxe" ante a perspectiva de novas incorporacións de concellos ao Plan Compost Revitaliza.
Mosquera instou a todos os concellos da provincia para afrontar o reto de aplicar a compostaxe como un sistema de tratamento de residuos "en toda regra".
O vicepresidente sinalou que ata agora o Plan Compost xa superou moitos "puntos críticos" na aposta polo novo modelo de xestión de lixo, como foron evitar que o modelo non se convertese nunha batalla política, a elección dun xestor técnico da iniciativa, a experiencia piloto na cidade infantil Príncipe Felipe ou "mover a administración provincial para botar a andar". O último paso dado foi dispoñer de persoal cualificado "e xa temos aos mestres e mestras composteros cunha gran formación", afirmou o vicepresidente "o máis difícil xa o pasamos".
Mosquera adiantou que o seguinte será superar un punto estratéxico: que en lugar dun ou dous composteiros en cada concello, todos os municipios xestionen os orgánicos mediante centros comarcais ou composteiros individuais.
A día de hoxe, hai 23 municipios incorporados e moitos en expectativa.
FUTURO TÍTULO PROPIO DA UNIVERSIDADE DE VIGO
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, participou tamén no acto de entrega de diplomas aos mestres composteiros da Deputación e comprometeu que a formación impartida nos últimos meses na "Facultade da compostaxe" pasará a ser un título propio da Universidade de Vigo na seguinte edición.