Piden a Pilar Rojo participar "con voz" no Parlamento
Por Oskar Viéitez
Estanse facendo oír na rúa, pero agora queren que se lles escoite no Parlamento galego.
As plataformas de afectados polas preferentes dirixiron un escrito á presidenta da Cámara galega, Pilar Rojo, no que solicitan ter "presenza con voz, sen voto" en comisións e plenos nos que "se fale" dos temas relativos á súa situación. Así mesmo, piden que non se lles limite a súa visita ao hemiciclo.
En base á súa condición de "vítimas do abuso de confianza, estafa e roubo" por parte dos bancos, "en particular Novagalicia", os afectados demandan poder participar nos debates como unha cuestión de "democracia".
Ademais, os afectados polas preferentes e subordinadas, tamén solicitan poder acudir á tribuna do Parlamento como invitados cando se debatan as cuestións relativas á súa situación.
Foron os incidentes protagonizados o pasado mes de decembro por persoas afectadas por estes produtos bancarios os que levaron á Xefa do Lexislativo, Pilar Rojo, a adoptar novas normas para poder acudir ao Parlamento.