A experiencia do Fondo Galego, exemplo para Portugal, Alemaña e Holanda
Por Redacción
Pontevedra acolleu este martes un seminario internacional no que vinte concellos socios do Fondo galego de Cooperación e Solidariedade puideron intercambiar experiencias con entidades de diferentes países europeos como Portugal, Alemaña ou Holanda.
Nesta xornada, o Fondo Galego expuxo o seu propio modelo de xestión das actividades de educación para o desenvolvemento no eido local, que está a servir de referencia para os parceiros europeos.
Así, o obxectivo é que esta experiencia sirva como orixe dunha futura rede europea que conecte o traballo que se realiza en todas estas áreas en materia de cooperación.
Entre estas accións de sensibilización áchase Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional dirixido a persoal das administracións sociais.
A bibliotecaria redondelá María José Villar, que colaborou o ano pasado en Cabo Verde, e Diego Sánchez, que viaxou a Nicaragua cando era técnico de Turismo do Concello de Castrelo de Miño, compartiron senllas experiencias, coas que procuraron achegar o seu gran de area para mellorar a vida das persoas.
Angélica Gómez e María Ortega, concelleiras respectivamente de Burela -con máis de trinta nacionalidades- e Moaña, exemplificaron as boas prácticas dos municipios galegos en educación para a cidadanía global, e remataron solidarizándose coas persoas refuxiadas.
Tomoulles o relevo a través de videoconferencia Frederike Hassels, da ONGD alemá Fine+p, que incidiu na capacidade transformadora da educación para o desenvolvemento impulsado polas administracións locais.
Pola súa banda, o director da fundación holandesa LBSNN, Ronald van der Hijden, apostou por non apelar á compaixón senón por amosar nas campañas de sensibilización o potencial dos países do Sur e puxo como exemplo das súas actividades os murais latinoamericanos que o alumnado pinta nas escolas dos Países Baixos.
Non faltou á cita a Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento, creada en Portugal co asesoramento do Fondo Galego. Os concellos de Loures e O Seixal estiveron presentes canda o Instituto Marquês de Valle Flôr, se ben foi o presidente da RICD, Paulo Ramalho, quen presentou a entidade, salientando o valor do traballo en rede tanto entre municipios como coas propias ONGD.
A mañá pechouse cunha conexión con María Helena Correia, presidenta da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, coa que o Fondo Galego comezou a traballar este ano para fomentar a participación feminina na política local e que animou a rexedoras e concelleiras galegas a acudir ao intercambio de experiencias que en setembro terá lugar en Mozambique coas súas homólogas africanas.
Relacionadas:
-
María Helena Correia: "O intercambio entre mulleres de Galicia e Mozambique será moi valioso para ambas partes"
Por Alejandro Espiño |
-
Cooperación internacional: aprendizaxe e ensino para o empregado público
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia |
-
Pontevedra accede por vez primeira ao comité executivo do Fondo Galego de Cooperación
Por Redacción |