O ex patrón maior e dous responsables dun estaleiro negan ante o xuíz a fraude na confraría de Cambados
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
O ex patrón maior da confraría de pescadores de Cambados, Benito González, e os dous administradores dos estaleiros desa localidade Polináutica S.L. declaráronse este martes inocentes do delito de fraude de subvencións polo que sentaron no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra. O fiscal que levou a investigación do caso decidiu non acusalos, pero si o fixo a acusación particular, que exerce a Xunta de Galicia e pide que sexan condenados a tres anos de prisión.
Os feitos que os sentan no banco producíronse no ano 2009, cando lles acusan de enganar á Consellería do Medio Rural e do Mar no importe do valor dun barco que se construíu con cargo a unha subvención, ao xustificar que se construíra para a confraría unha embarcación valorada en 293.507,63 euros cando unha peritaxe xudicial valorou a construción en 231.047, isto é, 62.466,63 euros menos.
Durante a súa declaración no xuízo na Audiencia, Benito González, asegurou que descoñecía o proceso polo que se solicitou a citada subvención á Xunta, pois eran trámites que realizaban, dentro da propia confraría, a secretaria e contable e, logo, a asesoría que tiñan contratada. El tan só asinaba os papeis.
Sobre o motivo polo que se elixiu ao estaleiro en cuestión e non a outro, asegurou que se pediron tres presupostos e que, ademais, trátase dun estaleiro que traballa con varias confrarías da zona. Ademais, negou que no seo da propia confraría houbese voces críticas que lle advertisen sobre o prezo do barco xa antes de que se iniciase este procedemento penal. De feito, é construíu e "se trabajó con él, esto vino después"..
A acusación particular tamén acusa os administradores do estaleiro, José Luis Núñez e Fernando Otero, que insistiron igualmente a súa inocencia. Fernando Otero foi tallante e asegurou que a súa responsabilidade nestes feitos xulgados é "ninguna", pois "yo solo me dediqué a la parte con los trabajadores". Para todo o demais, "se tienen que dirigir a la oficina".
Segundo declarou, estiveron case un ano traballando nese barco e o prezo elevado xustifícase en varias circunstancias. Unha delas é que "un barco único que tanto serve para saír a buscar navalla como ostra, inclúe guindastre, vai super reforzado". Respecto diso, José Luis Núñez explicou que unha das súas singularidades é que serve tanto para pesca como para acuicultura e que o estaleiro ofreceu á confraría unha garantía de 12 anos, un tempo que "no hay ningún astillero que lo dé".
Este barco puido ter esta garantía tan longa porque tiña "doble espesor" e todo iso encarece. De feito, asegura que se se ten en conta que foi necesario realizar un molde específico, coa súa fabricación mesmo "tenemos dinero perdido". Se non se conta ese molde, que se podería chegar a utilizar para outros barcos, os beneficios foron de entre o 5 e o 60 por cento.
Fronte ás peritaxes oficiais que indican que o prezo no que se valorou o barco para pedir a subvención foi superior ao real, un perito independente achegado pola defensa asegurou durante o xuízo que o técnico da Xunta non tivo en conta nos seus cálculos criterios que fan subir o valor do barco e o principal elemento que xustifica que o prezo encareza son as garantías achegadas polo estaleiro.
Relacionadas:
-
O fiscal solicita a absolución do ex patrón de Cambados porque considera que defraudou pero sen delinquir
Por Oskar Viéitez |
-
O xulgado admite a trámite a denuncia de rañeiros de Cambados contra Benito González
Por Redacción |
-
A Fiscalía investiga si a confraría de Cambados sobrevalorou un barco construído con fondos públicos
Por Redacción |