O berro unánime de 2.000 escolares: "O galego está en nós. Vivámolo!"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Manel ten nove anos e é xa un 'habitual' no Correlingua, a carreira en defensa da lingua galega na que cada ano participan alumnos de todos os centros educativos públicos de Galicia. Este 2016 volveu acudir cos seus compañeiros do colexio Campolongo á cita de Pontevedra, a primeira das doce localidades galegas en celebrar o evento este ano. Rodeado de 2.000 escolares na praza da Ferrería declarouse "fan" da actividade, en especial do momento en que, tras percorrer as rúas do centro da cidade, os participantes lanzan globos ao aire. Como todos os seus compañeiros, goza cantando e bailando en galego á vez que asimila o uso da lingua propia co tempo de lecer, un dos obxectivos do Correlingua.
Desde as 10.30 horas os 2.000 nenos participantes empezaron a encher a praza da Ferrería e a participar nunha festa que contou con animación do grupo Art Monium, con musicos e un dragón cospe-auga. Con todos xa reunidos, saíu a carreira propiamente dita, que durante media hora encheu as rúas do centro de pontevedra de palabras na lingua propia de Galicia e de recordartorios a Manuel María, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Baixo o lema 'O galego está en nós', inspirado nun poema, precisamente, de Manuel María, o Correlingua 2016 encheu ao seu momento central de novo na Ferrería coa actuación dun dos grupos gañadores do Cantalingua, 'Liviao de Marrao!', xusto o momento que máis gusta a Julieta, outra alumna de nove anos do colexio Campolongo que este luns gozaba "bailando e cantando en galego".
Do mesmo xeito que o seu compañeiro Manel recoñece que "non falo moito galego" no día a día, e tampouco no seu tempo de lecer, pero cada ano co Correlingua descobre que pasalo ben usando a lingua galega é posible e aproveitan para usar as súas palabras favoritas na lingua de Rosalía. "Amorodo", "lixo", "vasoira" ou "vila" son algunhas das palabras que máis gustan a estes escolares e algunhas delas puideron lerse nos carteis que levaban colgados os participantes no Correlingua.
Animados polo grupo Talía Teatro e 'Liviao de Marrao!', durante dúas horas gozaron do seu tempo de lecer en galego e secundaron a lectura do manifesto 2016, escrito en verso, e lido en Pontevedra por alumnos do IES Frei Martín Sarmiento reivindicando que "o galego está en ti, é a patria, a esencia máis nosa. O amor, o latexo, a verdade. O galego está en nós. Vivámolo!". (Consulta aquí o manifesto)
Á unha da tarde, todos volveron aos seus respectivos colexios, coa esperanza dos organizadores de avanzar algún paso na reflexión sobre a situación a lingua e de que a actividade lles haxa sensibilizado sobre o seu uso para facer fronte á desgaleguización a través do uso diario do galego.
Na edición 2016 en Pontevedra participaron 2.000 escolaores dos centros da comarca CEIP San Martiño, CEIP Santo André de Xeve, CEIP Manuel Vidal Portela, CEP Campolongo, CEIP Parada Campañó, CEP Marcos da Portela, CEIP Príncipe Felipe, CEE Príncipe Felipe, Colexio Calasancias, CPI do Toural, CEIP de Meaño, IES Ponte Caldelas, IES de Pontecesures , IES Cotobade, IES As Bizocas, CEIP Espedregada e CEIP Isidora Riestra.
Relacionadas:
-
Teatro escolar en galego para celebrar o mes da lingua
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Chega o mes da lingua cunha enchedela de actividades
Por Redacción |
-
Un rap infantil para lembrar que "Se perdemos a fala, non seremos ninguén!"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Arredor de 2.000 escolares gozan co galego no 'Correlingua'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |