O PP denuncia a perda de 110.000 euros en investimentos para a comarca por parte da Deputación
Por Redacción
O portavoz do grupo do Partido Popular na Deputación, Ángel Moldes, e os presidentes locais do PP na comarca de Pontevedra mantiveron unha reunión durante este sábado 30 con representantes de colectivos veciñais de Cotobade, Pontevedra, Poio, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Vilaboa, A Lama, Barro e Cerdedo.
Moldes indicoulles que a eliminación do Plan de Acción Comunitaria (PAC) por parte do actual goberno da Deputación supón a perda de 110.000 euros en investimentos en máis de 30 proxectos.
Segundo Ángel Moldes estas liñas de subvencións eliminadas non se inclúen no Plan Concellos e, desta forma, hai obras que non se poderán executar ao non existir partidas nas que se poidan integrar. Estas axudas destinábanse principalmente para resolver os problemas derivados das augas veciñais.
Os veciños lamentaron, segundo o PP, a perda destas achegas que servían para pagar o material aínda que as obras fosen acometidas polas propias asociacións veciñais.