A Delegación do Goberno distingue á Brilat coa gravata da Orde do Mérito Civil
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Base "General Morillo" de Pontevedra acolleu este mércores unha parada militar que tivo como acto principal a imposición ao Guión da Brigada de Infantería Lixeira "Galicia" VII (BRILAT) da gravata da Orde do Mérito Civil polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva.
No seu discurso, o xeneral agradeceu a "gentileza" do delegado ao propoñer á Brilat para esta distinción. "Es la formalización de un reconocimiento colectivo a toda la unidad por su implicación y compromiso con la tierra y la gente con la que vive, Galicia", dixo Cebrián Carbonell.
O xeneral xefe tamén se referiu ao recoñecemento que a Brilat vén recibindo "desde hace mucho más tiempo, día a día" en referencia ao "afecto de la gente de la calle" e a hospitalidade dos pobos "con su solidaridad, que sentimos".
Así se referiu á participación da Brigada na Operación Centinela para vixilancia dos montes durante o verán para previr incendios ou as tarefas levadas a cabo durante o desastre ambiental do Prestige, "ocasiones en las que los gallegos saben que la Brilat siempre está dispuesta a ayudar en lo que haga falta", remachou.
A parada militar foi presidida polo xeneral Luís Cebrián Carbonell, Xefe da Brilat, e incluíu unha homenaxe aos caídos e a celebración da reunión anual dos veteranos das Forzas Armadas con motivo da festividade do seu patrón San Hermenegildo.
POLONIA
O próximo día 5 de maio iniciaranse os embarques previos ao despregamento en Polonia dos soldados da Brilat, con sede na localidade pontevedresa de Figueirido, con motivo das manobras da Alianza Atlántica denominadas "Brilliant Jump".
O despregamento inclúe saídas en barco desde Vigo (o día 13) e voos desde o aeródromo militar de Lavacolla (a partir do día 15) para instalarse nas inmediacións do enclave ruso de Kaliningrado co obxectivo participar no primeiro gran exercicio da nova forza conxunta de alta dispoñibilidade, que estará preparada para afrontar calquera crise de seguridade no ámbito da OTAN.
Os integrantes da Brigada de Infantería Galicia VII da Brilat, formarán o núcleo central da denominada Brigada de Moi Alta Dispoñibilidade VJTF (Very High Readiness Joint Task Force). Segundo explicou o xeneral Luís Cebrián, "nosotros nos colocamos directamente subordinados a un cuartel general multinacional liderado por España que tiene sede en Valencia, y a su vez bajo un mando en el conjunto de la OTAN especializado en la zona de Europa Oriental".
Este despregamento precederá ao cume que a OTAN convocou en Varsovia a principios de xullo.
Relacionadas:
-
Vinte patrullas da Brilat xa vixían os montes galegos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Defensa recruta a 23 pontevedreses dos 560 solicitantes de praza para Tropa e Mariñeiría Profesional
Por Redacción |
-
A Brilat vai a Polonia
Por Redacción |
-
Como viviron a misión de Afganistán os militares da Brilat? A resposta, na Subdelegación de Defensa
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
A mascota da Brilat, protagonista dos Premios Ejército do Ministerio de Defensa
Por Redacción |
-
A Brilat culmina en Zaragoza a súa prepararación como brigada de moi alta dispoñibilidade da OTAN
Por Redacción |
-
Ensaio xeral na Brilat para despregarse en 48 horas ante unha crise de seguridade en calquera punto do mundo
Por Natalia Puga |