Localizan en Pontevedra un mozo buscado por 28 estafas cometidas por toda España
Por Natalia Puga
Xulgados e comisarías de toda España tiñan ditadas 28 ordes de busca e detención sobre un mozo pontevedrés de 27 anos. Finalmente, foi localizado na súa cidade de residencia e, co seu arrestro, deuse carpetazo a un dos expedientes policiais e xudiciais máis amplos dos que se tivo coñecemento na Comisaría Provincial de Pontevedra.
Unha patrulla da Policía Nacional de Pontevedra localizou este rapaz nas inmediacións da Praza de Galicia. Tiña constancia de que pesaban sobre el diversas requisitorias xudiciais, de forma que procederon á súa identificación, detención e traslado á Comisaría. Unha vez alí, saltou o rechamante historial.
Segundo informou a Policía Nacional, en concreto, tiña 10 requisitorias de detención e personación ditadas por xulgados de San Sebastián, Murcia, Baracaldo, Ayamonte, Palencia, Alcoy, Madrid ou Santiago de Compostela. A maiores, constábanlle 18 indagacións de domicilio e paradoiro doutras tanas comisarías policiais de toda a xeografía española.
Tanto as buscas policiais coma as xudiciais tiñan un denominador común: estaba requirido por delitos de estafa. Ao respecto, a Comisaría Provincial indica que unha vez levadas a cabo as xestións pertinentes, os investigadores concluíron que o detido estaba inmerso en diferentes feitos delituosos entre os que figuran varias estafas cometidas a través de diferentes páxinas web de anuncios.
As súas vítimas pagaron entre 480 e 1.200 euros por ordenadores que non chegaron a recibir
O modus operandi do mozo era sempre o mesmo. Poñía á venda obxectos como ordenadores portátiles a través de internet e, tras recibir o diñeiro, non chegaba a remitir ao comprador ordenador ningún, senón que enviaba, entre outras cousas, un paquete en cuxo interior non había nada máis que revistas. Iso no mellor dos casos, xa que na maioría das denuncias presentadas os compradores nunca chegaron a recibir nada a cambio do diñeiro. As vítimas denunciantes pagaron entre 480 e 1.200 euros por un ordenador inexistente.
A detención deste mozo produciuse sobre as 8.45 horas do 5 de outubro. No momento da súa detención, levaba enriba un ordenador portátil, un teléfono móbil, unha tarxeta de memoria, diversa documentación, un sobre con 610 euros e 15,80 euros nun peto.
Unha vez arrestado e tramitado o correspondente atestado policial, foi posto a disposición do Xulgado de Garda. Ademais, os axentes procederon a dar de baixa todas as requisitorias tanto xudiciais coma policiais que lle constaban ao detido, dando comunicación escrita aos xulgados reclamantes da súa detención.