Pontevedra, nun hyperlapse de premio
Por Redacción
Non podía supoñer o estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Daniel Alonso, cando hai poco máis dun mes gañaba o premio do público no festival de publicidade que organiza o alumnado do centro, que o seu proxecto audiovisual se ía converter nun escaparate de Pontevedra.
Pero así foi e o seu hyperlapse dun minuto no que amosa a beleza da cidade espertou o interese do Concello, que empregará este vídeo para a promoción turística da boa vila.
Alonso, que cursa segundo do grao de Publicidade, foi recibido este venres pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e o decano, Xosé Baamonde, para selar a cesión do seu traballo ao consistorio para fins promocionais.
Titulada Pontevedra, a súa proposta resultou gañadora do premio do público e ao mellor spot do Festival We Are Ads 2016.
Foron preto de catro meses de traballo, dende outubro do ano pasado ata xaneiro deste ano. Remarca que cando coñeceu a técnica fotográfica dos hyperlapses se decidiu a realizar un da cidade, “á que lle teño un cariño especial e quería mostrar a miña visión dela da mellor forma posible”.