Interceptado no Grove un camión con 200 quilos de ourizos de mar procedentes do furtivismo
Por Redacción
A Garda Civil interceptou no Grove un camión isotermo que transportaba preto de 200 quilogramos de ourizos de mar de forma irregular.
Dentro do marco das actuacións que a Garda Civil vén realizando para a erradicación do furtivismo de produtos pesqueiros así como do seu transporte ilegal nesta provincia, na tarde do martes 5, os axentes incautábanse de 168 quilogramos de ourizos de mar por carecer da correspondente documentación que acreditara a súa legal procedencia.
Os feitos sucederon cando compoñentes do SEPRONA de Vilagarcía interceptaron na localidade do Grove un camión isotermo, marca Mercedes, modelo 413 CDI, que no seu interior transportaba 318 quilogramos do referido marisco, dos que o transportista só puido xustificar documentalmente 150 quilogramos
Os axentes levantaron acta, que foi remitida á Consellería do Mar da Xunta de Galicia, ao considerar que constitúe unha infracción en materia de pesca e procederon ao comiso dos 168 kg que carecían da preceptiva documentación que ampare o devandito transporte, os cales foron devoltos ao mar.