Se hai striptease non hai concentración moteira en Cuntis
Por Diego Espiño
O Concello de Cuntis esixiu á organización da I Xuntanza Moteira Pinotes Racing que retiren da programación o espectáculo de striptease previsto, xa que en caso contrario "a concentración moteira non sería autorizada por este Concello".
Así llo comunicou o goberno local aos organizadores da concentración moteira, prevista para os días 7 e 8 de maio.
Ademais dunha ruta polos arredores, xogos populares ou unha cea no Hotel Balneario, Pinotes Racing incluía na programación, ás 2:30 horas da madrugada do sábado a domingo, un striptease masculino e feminino.
Ante esta situación, a través dunha carta asinada polo alcalde, Manuel Campos, e a concelleira de Servizos Sociais, Conchy Campos, o Concello desmárcase da actividade asegurando que "non colabora con ningún tipo de espectáculo sexista", á vez que explica que a administración pública só se comprometeu a prestar colaboración loxística co cortado de rúas e permitir o uso dos aseos do pavillón municipal.
O Concello dirixiuse formalmente a Pinotes Racing para solicitar "a retirada de dito espectáculo e así mesmo a retirada do cartel anunciante", ao que se comprometeu a organización da concentración moteira.