Cotobade está a ser "moi ben tratada pola Xunta"
Por Redacción
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, amosou este xoves a súa satisfacción polos elevados investimentos en infraestruturas dos que está a beneficiarse o municipio nestes primeiros meses do ano despois de que a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, anunciara que o saneamento de Tenorio leva consignados preto de 1,7 millóns de euros nun acto celebrado en Cerdedo.
O rexedor indicou que, deste xeito, os investimentos en melloras viarias e de servizos superarán alomenos os tres millóns de euros no presente exercicio.
Cubela quixo agradecer especialmente a Beatriz Mato "a súa sensibilidade" con Cotobade e louvou que reiterara publicamente o compromiso da Xunta de licitar esta importante actuación durante o presente exercicio. "É unha obra fundamental para os veciños de Tenorio, para o noso concello e para mellorar o saneamento do Lérez", explicou Cubela, que lembrou que a obra arrancará cunha rede de colectores de augas fecais xunto á instalación dunha depuradora de augas residuais no lugar de Veiga Grande.
Neste senso, recalcou que a aposta da Consellería de Medio Ambiente "é máxima e histórica", xa que tamén vai levar a cabo a instalación no municipio do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre nunha parcela autonómica xunto á piscifactoría de Carballedo co obxectivo de optimizar os recursos e converter a Cotobade na referenza autonómica no eido da fauna do país.
Volvendo cos investimentos en infraestruturas, o rexedor indicou que este ano conseguíronse fondos para a xa realizada mellora da travesía da Chan, dotada con 144.000 euros para a construción de beirarrúas en Carballedo nun treito de 800 metros, e unha partida de 100.000 euros para actuacións de seguridade vial na estrada PO-232, entre San Xurxo de Sacos e Carballedo. Paralelamente, o Concello está a levar a cabo o seu propio plan de obras, dotado con 400.000 euros e que inclúe cinco actuacións espalladas polas parroquias de Carballedo, Caroi, San Xurxo de Sacos e Santa María de Sacos.
Xa con todas estas actuacións realizadas, en marcha ou a piques de licitación, Cubela indicou que centrará agora os seus esforzos en xestionar coa Xunta a consecución dos fondos necesarios para a execución da mellora da estrada PO-234 entre Cotobade e Ponte Caldelas a través das parroquias de Augasantas e Laxoso.
"ESTAMOS A SER MOI BEN TRATADOS POLA XUNTA"
"Creo que estamos a ser moi ben tratados pola Xunta e agardo que manteña a súa actual sensibilidade para mellorar a estrada a Ponte Caldelas. Estou convencido de que así será e moi pronto haberá novidades", anunciou Cubela.
Neste senso, indicou que estas dúas administracións, a local e a autonómica, "están a traballar máis que satisfactoriamente a prol dos veciños de Cotobade en materia de vías de comunicación e servizos" e por iso agarda que a Deputación de Pontevedra tamén faga o mesmo "e comece e actuar con xustiza cara o noso concello desbloqueando a mellora da estrada entre Xesteira e Almofrei, que ten paralizada só por sectarismo político dende hai nove meses".
Relacionadas:
-
Medio Ambiente licita por 700.000 euros a construción do centro de recuperación de fauna silvestre en Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta e o Concello de Cotobade asinan o convenio para mellorar o saneamento de Tenorio
Por Redacción |
-
Cotobade e Augas de Galicia ultiman o convenio para o saneamento de Tenorio
Por Redacción |
-
Afectados pola PO-234 inician un diálogo "franco e aberto" cos alcaldes de Cotobade e Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Os afectados apuran as alegacións contra a fusión de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Xunta mellorará a seguridade viaria da PO-232 antes de finais de ano
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas denuncia o bloqueo da Xunta ás obras da PO-234 Laxoso-Augasantas
Por Redacción |