O Concello rescindirá o contrato con Linorsa para a limpeza do Multiusos da Xunqueira
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra iniciou os trámites para a resolución do contrato coa empresa Linorsa para a limpeza das instalacións deportivas do pavillón multiusos da Xunqueira.
Así o decidiu a xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) ao entender que esta compañía incumpriu as cláusulas recollidas no contrato asinado en outubro de 2014, segundo explicou a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
Aínda que as dúas traballadoras deste servizo están ao corrente nos seus pagamentos, o Concello recibiu o pasado 12 de abril unha notificación da Seguridade Social relativa ao embargo que pesa contra a empresa polos pagos que ten pendentes ata cubrir o importe da súa débeda, que ascende a 179.593,65 euros.
As cláusulas do contrato de Linorsa inclúe entre as obrigas "estar ao corrente, en todo momento, das obrigas da Seguridade Social", polo que o goberno municipal entende que o contrato ten que resolverse.
A resolución do IMD propón a incautación da garantía do contrato, que tiña unha vixencia de dous anos prorrogables a outros dous, dado que a resolución é por causa imputable ao contratista. O importe da garantía ascende a 4.212,36 euros.
Agora a empresa terá dez días para presentar alegacións a esta decisión. En todo caso, o goberno municipal asegura que o proceso pode prolongarse durante arredor de dous meses, un tempo no que ten que seguir prestando un servizo que lle custa uns 4.000 euros ao mes ás arcas municipais. Tras a súa resolución, o contrato volverá a saír a adxudicación.
Relacionadas:
-
Propoñen que Linorsa non poida traballar para o Concello durante dous anos
Por Redacción |
-
O IMD ten data de caducidade: disolverase a principios de 2017
Por Alejandro Espiño |
-
Preocupación no persoal de Linorsa tras a entrada da empresa en concurso de acredores
Por Redacción |
-
A Deputación sancionará a Linorsa se non paga ás traballadoras
Por Redacción |
-
O persoal de Linorsa en Pontevedra baralla convocar folga ante os atrasos e impagos de salarios
Por Redacción |
-
As traballadoras de Linorsa esixen unha solución aos deputados provinciais ante a falta de pagamentos da empresa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |