Este mércores asfáltase a rúa Andrés Muruais logo de rematar as obras de saneamento
Por Redacción
As obras de mellora dos servizos soterrados na rúa Andrés Muruais chegan este mércores ao seu fin. O día 20 de abril está previsto o asfaltado de toda a rúa, polo que será preciso pechala ao tráfico durante toda a xornada.
Os veciños que precisen achegarse até a rúa García Camba e Oliva poderán facelo pola rúa Oliva que cambiará de sentido de circulación por mor destas obras. Os tráficos estarán regulados por semáforos.
Cabe lembrar que o Concello executou nas pasadas semanas traballos de mellora do saneamento da rúa, uns traballos que resultaron moi complicados xa que no camiño atoparon un túnel soterrado que conectaba o antigo hospital da familia Poza co seu domicilio particular; terreo rochoso e tamén arenoso en distintos puntos que dificultaron bastante as obras.
Agora chega ao remate coa reposición do pavimento.
A Policía Local xa buzoneou toda a zona para avisar aos residentes e comerciantes das rúas afectadas por este peche.