A serigrafía e a loita contra a avespa asiática, nova aposta dos emprendedores
Por Redacción
Dar forma a unha tenda-taller de serigrafía na que comercializar produtos téxtiles co humor como sinal de identidade e deseñar unha estrutura que permita a captura da avespa asiática, evitando así os seus ataques ás colmeas.
Estas son as ideas polas que as estudantes da Facultade de Belas Artes, Lara Buyo e Ana Corujo, e o alumno da Escola de Enxeñeiros Forestais, Luis Miguel Abal, foron premiados na quinta edición dos premios Incuvi-Emprende coa posibilidade de dispor dun espazo na sede de AJE-Pontevedra onde transformar as súas iniciativas nun proxecto empresarial.
"É unha oportunidade de crear eles mesmos o seu futuro", salientou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, na recepción que impulsores e patrocinadores deste programa da Universidade de Vigo realizaron ao alumnado do campus seleccionado.
Lag e FreeBee son os nomes das dúas iniciativas empresariais que ao longo dos próximos meses irán tomando forma nos espazos nos que, grazas ao patrocinio do Consorcio Zona Franca de Vigo e Siga 98, traballarán estes estudantes, co apoio e asesoramento que lles brindarán tanto desde a Universidade como desde a propia asociación empresarial.