Un boleto selado en Marín, agraciado con 90.000 euros no Euromillones
Por Alejandro Espiño
A sorte sorriu a Marín no último sorteo do Euromillones, celebrado este venres. Un boleto selado na Administración de Lotería número 1 da vila, situada na rúa da Ponte, resultou premiado con 89.375,47 euros.
A persoa agraciada logrou acertar os cinco números da combinación gañadora, que foron o 13, o 14, o 32, o 37 e o 48. Para gañar o gran premio faltoulle adiviñar tamén os números correspondentes ás estrelas, que neste caso foi o 1 e o 7.
Por agora, descoñécese a identidade da persoa que selou o boleto. Fíxoo a través da máquina, segundo confirma Paula Polo, empregada da administración de lotería da que é titular Matilde de Pazos. "Por agora non temos datos e non pasou ninguén por aquí preguntando", confirma a PontevedraViva. "Probablemente nin o saiba aínda".
En todo caso, desde a administración sinalan que están "encantados" polo premio que repartiron porque "levabamos un tempo sen dar un".
Trátase dunha cantidade suficientemente significativa para que "te anime un pouco" e, o máis importante, "para que a xente tamén se anime, porque ao final parece que sempre toca nos mesmos sitios".
Sexa como sexa, esperan que o premiado sexa veciño de Marín porque o diñeiro conseguido en sorteos como este de o Euromillones "sempre vén ben para o pobo".