Malestar nos feirantes polos requisitos para as festas de Santiaguiño e a Peregrina
Por Alejandro Espiño
Medio centenar de feirantes interesados en instalar os seus postos nas festas máis importantes de Pontevedra, as do Santiaguiño do Burgo e as patronais da Peregrina, concentráronse este venres na avenida de Montero Ríos para mostrar o seu malestar polas condicións impostas para poder optar a participar en ambos os eventos o próximo verán.
Todo parte dunha resolución asinada polo goberno municipal o pasado 21 de marzo pola que se convocaba unha poxa pública á alza para conseguir as autorizacións para instalar as atraccións de feira, casetas, barracas e demais instalacións propias a este tipo de festas durante os dous próximos anos. O prazo de presentación de ofertas aínda está aberto.
Ofrécense 356 espazos dispoñibles para as festas da Peregrina e 120 para as de Santiaguiño do Burgo. Os interesados deberán presentar unha oferta que, en ningún caso, pode ser inferior á fixada polos técnicos municipais. Aqueles que presenten a oferta máis alta serán os que logren as autorizacións e no caso de que exista un empate resolverase mediante un sorteo.
Así, os prezos mínimos a pagar nas festas patronais oscilan entre os 1.500 euros das atraccións infantís de pequeno tamaño aos 10.000 euros das grandes infraestruturas. A nora está taxada en 5.500 euros, mentres que tómbolas e bingos móvense entre 4.500 e 7.000 euros, as casetas de tiro superan os 1.000 euros, os postos de alimentación van de 200 a 2.750 euros segundo o seu tamaño e os de artesanía entre 90 e 300 euros.
Máis económicos son os prezos nas festas de Santiaguiño. Nelas, só as atraccións para adultos alcanzan os 1.000 euros, mentres que as infantís supoñen un desembolso mínimo de entre 200 e 450 euros. As tómbolas roldan os 650 euros, os bares e similares máis grandes alcanzarán os 450 euros, polas casetas de tiro haberá que desembolsar uns 175 euros e polos postos de artesanía tan só 40 euros.
Ademais, para evitar que alguén poida especular cos postos, o Concello fixou entre outras condicións que ningunha persoa poderá ser titular de máis de dous postos por actividade en cada unha das festas; mentres que tampouco estará permitida a cesión ou subrogación das autorizacións. Tamén deberán contratar un seguro de responsabilidade civil e ter acreditado e homologado o bo estado das atraccións -máis aló da revisión municipal que se fai-.
MOTIVOS DO MALESTAR
No escrito presentado por estes feirantes, piden ao Concello que o concurso para a asignación dos postos sexa independente para cada unha das festas e que non se oferten de maneira conxunta. Ademais, solicitan que se reduza nun 25% o prezo de taxación de cada parcela para ocupar polas diferentes actividades e que se lles permita pagar a maior parte da taxa durante o transcurso da festa.
Tamén se opoñen ao tamaño fixado para cada parcela ao entender que non se adaptan ás medidas estándar, reclaman que a antigüidade nas festas de Pontevedra de cada solicitante puntúe de forma positiva para obter as autorizacións, que se incorpore o Día do Neno tamén ás festas de Santiaguiño ou que se lles permita instalar máquinas expendedoras pagando as taxas correspondentes.
Este colectivo de ambulantes, agrupados baixo a denominación de Industriales Feriantes, espera poder trasladar todas estas demandas ao goberno municipal nunha reunión que xa solicitaron coa concelleira responsable de Festas, Carme da Silva.