Curso para ser un bo tesoureiro
Por Oskar Viéitez
O próximo xoves 7 de febreiro a asociación Boa Vida Inclusión Social Activa, ofrece un curso introdutorio á contabilidade para asociacións.
Celebrarase nos locais da asociación Amarante, de 10 a 13 horas, a inscrición é gratuíta ate completar a prazas que son 10 neste caso.
A asociación Boa Vida Inclusión activa sempre apostou pola formación continua tanto a nivel interno (os propios socios) como da sociedade en xeral, ofertando en ocasións anteriores outros cursos como o de xestión de asociacións do mes de agosto pasado.
Nesta ocasión conscientes da importancia de levar unha contabilidade transparente e axeitada aos fins da asociación convidaron a Xosé Cuns, e experto na temática, economista colaborador da rede galega de loita contra a pobreza da que Boa Vida forma parte.
No curso introdutorio explicarase a base dunha contabilidade áxil e adecuada ás pequenas organizacións, partindo das mínimas accións de entradas e saídas, e os correspondentes asentos das diferentes partidas, ate poder comprender e elaborar un balance.
Asemade recibirán información sobre os posibles bancos nos que abrir conta xa que polo momento a asociación non realizou este trámite debido que todos os bancos aos que se dirixiron informan que a pesar de ser unha asociación de persoas en situación de exclusión cobraríanlles as comisións clásicas de calquera conta particular o que supón un gasto innecesario para o orzamento actual.