Protección Civil de Caldas incorpórase á Rede Dixital da Dirección Xeral de Emerxencias
Por Redacción
A agrupación de Protección Civil de Caldas incorporouse á rede dixital de comunicacións de emerxencias da Xunta. Desta forma conta cun novo terminal de comunicación e reforzará as súas prestacións ante grandes eventos, probas deportivas e operativos de prevención.
Trátase dunha rede única que facilitará as intervencións dos efectivos e simplificará as tarefas de coordinación. Ademais esta nova rede, segundo indicaron desde a Xunta de Galicia, integrará de forma progresiva a todos os efectivos de emerxencias de Galicia, desde bombeiros a policías, pasando por voluntarios de Protección Civil ou axentes que traballan na loita contra os incendios forestais.
O xefe de Agrupación, José Sieiro, anunciou que, ademais, atópase practicamente pechado o programa do primeiro Congreso de Protección Civil de Caldas con motivo do 20 aniversario coa presenza de máis de seis relatores e a implicación de varias empresas de Caldas.
A próxima semana abriranse as inscricións para este evento que contará co respaldo da Academia Galega de Seguridade Pública para a certificación da actividade que contará cun alto contido multidisciplinar integrado. Sieiro destacou o respaldo do alcalde Juan Manuel Rey e do Concello na organización deste acto.