Louro reprocha á Xunta que lle debe a Pontevedra 200.000 euros do ARI de Estribela
Por Redacción
A Xunta debe ao Concello máis de 200.000 euros en relación ás segunda e terceira fase do Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Estribela e, a pesar de recoñecer os atrasos, non acaba de ingresar os cartos. Así o denunciou este martes o alcalde en funcións e concelleiro de Vivenda, Antón Louro, quen ademais indicou que o Concello de Pontevedra tivo que adiantar as subvencións e os gastos de obras de urbanización correspondentes a esta actuación.
As subvencións á rehabilitación da ARI sufráganse coas achegas, ao 50%, da Consellería de Política Territorial e do Ministerio de Fomento e as cantidades pendentes corresponden integramente a Fomento. Sen embargo, segundo Louro, o Ministerio confirma que fixo as transferencias á Xunta, que retén os cartos en vez de entregalos ao Concello de Pontevedra. A débeda está recoñecida, pero non hai explicacións sobre a retención por parte da Tesourería da Xunta.
Trátase de 151.178 euros da segunda fase da ARI, que rematou en 2011, e 59.838,60 euros da terceira fase, rematada en 2012. As cantidades foron reclamadas en varias ocasións, recalcou Louro.
Esta información saiu a relucir este martes durante a Comisión de Valoración da quinta fase da ARI de Estribela, destinada a estudar o programa de actuacións previstas para as anualidades 2013, 2014 e 2015. Antón Louro informou de que hai unha proposta de aprobación de 42 actuacións que teñen un orzamento total de 337.837 euros, dos que serán subvencionados 265.601 euros.
As obras de rehabilitación teñen como groso a rehabilitación integral do edificio situado na avenida de Avelino Montero Ríos 58, a cargo dos 33 veciños do inmoble. Outras sete actuacións refírense a obras individuais de veciños de Estribela e o resto son actuacións mixtas entre vivendas e elementos comúns das edificacións.